Cambre bate récord de inscricións nas actividades socioculturais con preto de 400 participantes

ACoruñaXa
Máis da metade das 26 actividades ofertadas contan con lista de espera, reflectindo o éxito da proposta para todas as idades nas distintas parroquias do concello
Actividades socioculturais en Cambre
14 Out 2024

O Concello de Cambre acadou un novo éxito de participación no seu programa de actividades socioculturais, ao recibir preto de 400 solicitudes para a nova edición. Das 26 propostas ofertadas, en 16 delas xa se cubriu o número máximo de prazas, chegando a habilitar listas de espera debido á alta demanda.

A maioría das actividades darán comezo esta semana, agás as sesións de sevillanas, que comezarán o vindeiro luns 21 de outubro, e as de manexo de móbil e tablet, que contan cunha duración específica.

O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Óscar Barrientos Morales, xunto coa edil de Desenvolvemento Asociativo, María Carmen Pan Matos, visitaron esta mañá a aula de informática de A Barcala, onde unha vintena de persoas recibiron a primeira clase do novo curso.

A oferta municipal, que se prolongará ata o 31 de maio de 2025, inclúe unha variedade de actividades como reforzo de memoria, manualidades, pintura, sevillanas, informática básica, manexo de móbil e tablet, patchwork, costura e confección, e cestería.

As sesións realizaranse non só en Cambre, senón tamén en A Barcala, O Temple e noutras parroquias, co obxectivo de ofrecer iniciativas de lecer para veciños de todas as idades.

0.18610906600952