Cambre aposta pola accesibilidade cunha reforma na rúa Río Gándara na Barcala

ACoruñaXa
As obras, financiadas co POS+ 2023, mellorarán os accesos á biblioteca municipal e ás vivendas próximas
Imaxe da rúa río gándara en A Barcala
15 Nov 2024

O Concello de Cambre levará a cabo unha reforma na rúa Río Gándara, na urbanización A Barcala, para mellorar a accesibilidade dos seus accesos. O proxecto, recentemente sacado a licitación, conta cun investimento de 30.000 euros, financiados polo Plan Único POS+ 2023 da Deputación da Coruña.

As actuacións centraranse no encontro entre as rúas Río Gándara e Río Barcés, en puntos clave como a entrada ao edificio número 6 e á biblioteca municipal Xabier P. Docampo, espazos que na actualidade presentan dificultades de acceso por non cumprir cos criterios de accesibilidade universal.

Un proxecto para eliminar barreiras arquitectónicas

O proxecto inclúe o levantamento da acera e da rampa metálica existentes para reducir as pendentes da rúa, ampliar a plataforma e renovar a pavimentación, garantindo a continuidade cos traballos de impermeabilización xa realizados na urbanización. O obxectivo final é crear un itinerario accesible, con aceras máis anchas e acabados que permitan o acceso á biblioteca e ás vivendas sen necesidade de rampas adicionais.

“A accesibilidade é unha das prioridades deste goberno, e continuaremos traballando para eliminar barreiras arquitectónicas en todos os puntos do municipio”, destacou o concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos, Juan Leirós.

Melloras na contorna urbana

A reforma da rúa Río Gándara únese a outras iniciativas do Concello de Cambre para modernizar e adaptar os espazos públicos ás necesidades dos veciños. Con esta obra, o goberno local busca mellorar non só a mobilidade dos cidadáns, senón tamén a integración urbanística dos edificios e equipamentos da zona.

0.19230699539185