Cambre abrirá a vindeira semana o prazo de solicitude do programa de conciliación 'Mañanceiro'
O Concello de Cambre abrirá, a próxima semana, o prazo de solicitude do programa 'Mañanceiro' co obxectivo de promover a conciliación da vida laboral e familiar.
Neste sentido, a nova convocatoria estará dispoñible nos seguintes centros: E.E.I. San Bartolomeu de Pravio e nos CEIP Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester, Emilio González López, Graxal e Portofaro. Para poñelo en marcha en cada un será preciso que haxa un mínimo de 6 prazas, podendo haber ata 26 solicitudes por centro de ensino.
A través do 'Mañanceiro', que funciona de luns a venres, os escolares poden acceder ao recinto escolar ás 7.30 horas e permanecer alí ata o inicio das horas lectivas. O programa ofrece tamén a posibilidade de almorzo para os pequenos e pequenas. Os veciños e veciñas poderán, así mesmo, solicitar o mes completo ou pagar por días soltos (ata 12).
O formulario de solicitude está dispoñible na páxina web do Concello de Cambre a partir da vindeira semana. O cal deberá presentarse a través da sede electrónica do Concello ou en calquera dos rexistros municipais. O período de inscrición estará aberto desde o mércores, 19 de xuño, ata o 19 de xullo.