Cambios nos decanatos de Ciencias da Educación e Enfermería na Universidade da Coruña
A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a toma de posesión de dous novos decanos, Ana Sánchez Bello, docente da Área de Didáctica e Organización Escolar, que será a nova decana da Facultade de Ciencias da Educación; e Pedro Gil Manso, docente da Área de Enfermaría, que ostentará o cargo de decano na Facultade de Enfermaría e Podoloxía.
O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e tamén contou coa asistencia da secretaria Xeral, Marta García; a vicerreitora de Profesorado, Teresa López; e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares.
A profesora Ana Sánchez Bello é doutora en Psicopedagoxía pola Universidade da Coruña e Licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Iniciouse na investigación coa súa tese de doutoramento sobre desigualdade de xénero e profesorado, pola cal obtivo premio extraordinario e cuxa publicación deu lugar ao premio de investigación “Xohana Torres”.
Continuando a súa investigación en temas de inclusión educativa vinculada aos procesos de igualdade no sistema educativo, participou en máis dunha ducia de proxectos de investigación, ademais de participar en libros e artigos editoriais nacionais e internacionais. Co obxectivo de ampliar e compartir coñecementos con outros docentes no campo da inclusión, levou a cabo estadías de investigación en diversas universidades europeas e americanas. Tamén puxo en marcha a Oficina de Igualdade da UDC, da que foi directora durante unha lexislatura. Sánchez Bello foi así mesmo codirectora do Máster de Igualdade da UDC e coordinadora do Grao en Educación Primaria.
Sánchez Bello asegurou “afrontar esta nova responsabilidade con ánimo resolto e co anhelo de contribuír ao progreso da nosa Facultade. Un dos piares deste proxecto é o fortalecemento do sentimento de comunidade que debe reinar entre o profesorado, o PTXAS e o alumnado: a boa marcha da institución require o concurso de todas as persoas que a integran, calquera que sexa o seu estamento”.
A traxectoria académica e profesional de Pedro Gil Manso está vinculada, desde o seu inicio, á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, onde comezou os seus estudos de Enfermaría no ano 1996 e onde foi tamén membro da primeira promoción da Diplomatura en Podoloxía, nos anos 1998-2001.
Ese mesmo ano iniciábase como profesor axudante, apenas un mes despois de ter obtido o título. Posteriormente completou a súa formación co título de licenciado en Podoloxía polo Instituto Politécnico de Saúde do Norte CESPU (Portugal) e rematou os estudos de Enfermaría na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo xa no ano 2011, especializándose en pé diabético nas Universidades de Barcelona e Extremadura.
É na clínica universitaria de Podoloxía da Facultade de Enfermería e Podoloxía da UDC onde imparte docencia. Gil Manso combina docencia e investigación, formando parte do Grupo de Investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e da Sociedade Galega de Heridas (SGH).
Así mesmo, na súa traxectoria tamén ostentou cargos de xestión. Leva máis de 17 anos realizando tarefas de subdirector da Escola, e foi vicedecano durante os últimos 6 anos.
“Empezo esta nova etapa con moita ilusión, pero co primeiro reto de manter o alto listón que deixan os meus predecesores, e de manter a calidade dunha xestión centrada no estudantado e conseguir que se convertan nos mellores profesionais sanitarios e cidadáns que a sociedade da que formamos parte, e á que nos debemos, se merece”. E recalca que “para iso escolleu ao mellor equipo do que se podería rodear, no que combina experiencia e ilusión e ao que quere agradecer que o acompañen nesta etapa”.