Cambios no Goberno local da Coruña: reestruturación das concellerías e reparto da cidade en distritos

ACoruñaXa
Cada un dos membros do goberno será responsable dun distrito da cidade para incrementar a interlocución cos barrios
Imaxe da rolda de prensa celebrada este luns 17 de xuño no Concello da Coruña
17 Jun 2024

A alcaldesa da Coruña Inés Rey anunciou este luns cambios na organización do traballo no goberno local para gañar en eficacia e proximidade: “Creo que nos podemos sentir orgullosos polo que ten avanzado a cidade nestes 5 anos, mais considero que como goberno aínda temos marxe de mellora en termos de xestión, eficacia e cercanía”, indicou Rey.

Neste sentido a rexedora comunicoulles esta mesma mañá aos compoñentes do goberno a nova estructura e repartición competencial “coa que traballaremos a partir de mañá mesmo co fin de conseguir unha maior eficiencia na resolución dos problemas e sobre todo unha maior proximidade cos barrios e, por tanto, aos problemas dos cidadáns e cidadás”.

Durante a súa intervención Rey explicou que cada concellaría, ademais das súas competencias de xestión terá asignado un distrito da cidade co obxectivo de “poder estar máis preto e de forma permanente ás necesidades dos veciños e veciñas dos diferentes barrios”.

A alcaldesa destacou que aínda que as competencias sobre barrios seguirán en alcaldía “a designación dun concelleiro responsable de cada distrito permitiranos ser máis áxiles, estar máis cerca e mellorar a interlocución coas entidades veciñais e cos propios veciños e veciñas”.

Inés Rey quixo felicitar a todo o goberno polo traballo feito ao longo do primeiro ano. “Somos un equipo, os problemas da cidade son de todos e estou segura de que as novas responsabilidades suporán un revulsivo nas distintas áreas e permitirannos meter esa marcha máis, esa velocidade de cruceiro que temos que ter xa neste segundo ano de mandato”, sinalou.

Novo reparto de competencias do Goberno e barrios:

  • Concellaría de Economía e Planificación Estratéxica, distrito 8: José Manuel Lage. Portavoz e coordinador de proxectos estratéxicos.
  • Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade, distrito 6: Nereida Canosa. Viceportavoz do goberno.
  • Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade, distrito 5: Noemi Diaz.
  • Concellaría de Medio Ambiente, distrito 1: Yoya Neira.
  • Concellaría de Cultura e Turismo, distrito 2: Gonzalo Castro.
  • Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, distrito 3: Fran Díaz.
  • Concellaría de Deportes, distrito 10: Manuel Vázquez.
  • Concellaría de Emprego, Comercio e Mercados, distrito 7: Diana Cabanas.
  • Concellaría de Educación e Innovación Tecnolóxica, distrito 9: Juan Ignacio Borrego.
  • Concellaría de Seguridade Cidadá e Interior, distrito 4: Montserrat Paz.
0.18903708457947