Cae o tapón da travesía de Arteixo tras a derruba de cinco inmobles

O Concello de Arteixo vén de completar a derruba dos cinco inmobles que rodeaban o cruzamento da travesía de Arteixo coa estrada de Morás, un punto que levaba anos figurando entre os principais problemas de circulación do municipio pola súa estreiteza e pola dificultade que xeraba para o xiro de vehículos de grandes dimensións.
A actuación supón un dos avances máis relevantes da primeira fase da obra de urbanización da travesía, unha intervención coa que o goberno local busca transformar por completo unha das vías máis importantes do termo municipal. O proxecto conta cun investimento próximo aos 3,6 millóns de euros nesta primeira etapa.
O tramo inicial da reforma estenderase desde a rotonda de Sabón ata o cruzamento das rúas Reconquista e Independencia. Neste percorrido, de arredor de 1,8 quilómetros, residen preto de 2.600 veciños, o que converte esta zona nunha das máis densamente poboadas e tamén nunha das que máis precisaba unha actuación urbanística de fondo.
O obxectivo da intervención pasa por humanizar unha travesía na que conviven de maneira diaria peóns e tráfico rodado, mellorando tanto a mobilidade como a seguridade viaria e a calidade do espazo urbano. O plan global desenvolverase en tres fases e permitirá actuar sobre máis de 3,3 quilómetros.
Entre as melloras previstas figuran a creación de novos aparcadoiros, zonas de descanso para peóns e a regulación do tráfico mediante a construción de varias rotondas. Tamén se ampliarán e conectarán as beirarrúas para garantir itinerarios accesibles e continuos, reorganizaranse as prazas de estacionamento e os espazos destinados a contedores, renovaranse firmes e pavimentos e adaptarase a sinalización horizontal e vertical á nova configuración da vía.
Outro dos eixos da actuación será a modernización da rede de iluminación pública, que será ampliada e renovada con tecnoloxía LED, co fin de mellorar a visibilidade e reforzar a seguridade no conxunto da contorna.
O alcalde, Carlos Calvelo, sinalou que esta obra busca mellorar unha zona moi habitada do casco urbano e avanzar en solucións integrais de urbanización que contribúan a elevar a calidade de vida da veciñanza.