Bustamante, Sabela, Andrés Suárez e Paula Mattheus encheron o Festival do Pasatempo de Betanzos
Rematou a nova edición do Festival do Pasatempo tras dous días nos que Andrés Suárez, Bustamante, Sabela e Paula Mattheus reviviron o espírito musical dun recinto idílico, o Parque do Pasatempo en Betanzos. Dúas xornadas dun festival que se alonxa do formato convencional para poder traer ao público una experiencia diferente, con shows completos e a cercanía dos artistas que actúan nel. O festival fecha as portas por este ano, e empeza a traballar xa na seguinte edición, para ofrecer unha programación única e de calidade a un recinto histórico e como un dos emblemas patrimoniais da Comarca de Betanzos.
O pasado sábado botou a cancela o Festival do Pasatempo cunha última xornada marcada polo concerto de Bustamante, no que foi o seu único concerto en Galicia da súa xira de celebración dos máis de 20 anos de carreira musical. Aupouno en todo momento un público entregado, que viaxaron dende distintas partes da península e fixeron horas de cola ás portas do parque dende xa a primeira hora da mañá para poder disfrutar de Bustamante, o que resalta aínda máis o enorme potencial deste formato de programación e o atractivo do espazo onde se celebra.
Un dos momentos máis memorables que deixou o evento foi poder escoitar ao cántabro cantando en galego, que desatou os berros e aplausos do público galego presente. Xunto a el, abriu esa última xornada a artista galega Sabela, que estreaba a súa xira por Galicia tras percorrer dende febreiro máis dunha docena de cidades do estado. Unha apertura de xornada emocionante e vibrante que tivo como punto álxido a estrea en directo do novo tema da artista de Ourol, 'Hi, My Love'. A súa posta en escena non pasou desapercibida nin para o propio David Bustamante, que se rendeu ante o talento de Sabela e a súa banda, como así expresou durante o seu concerto.
A xornada do venres estivo marcada pola volta a Betanzos, máis dunha década despois, de Andrés Suárez. O veciño ferrolán emocionou e animou a partes iguais, nun concerto que quedou marcado polo dueto entre os dous protagonistas da xornada. Paula Mattheus subiuse ao escenario por partida doble, e deixou claro nas súas dúas intervencións por que está sendo unha das artistas revelación deste ano dentro do panorama musical estatal.
O Festival do Pasatempo remata, segundo o balance de Jordi Lauren, o seu director, con dúas xornadas moi emocionantes e satisfactorias que cimentan as bases nas que construír un evento cun gran futuro e posibilidades. Destaca o propio director o potencial do Parque do Pasatempo e da Comarca de Betanzos para albergar grandes concertos emprazados dentro deste formato de ciclo, con producións, montaxes e concertos completos, co factor da comodidade e a integración nun espazo patrimonial para o público. A idea, segundo explica Jordi Lauren, é a de constituír un festival que eclosione coa reapertura do Parque do Pasatempo, un Ben de Interere Cultural (BIC), en proceso de restauración, acollendo un festival de ciclo referente no noroeste peninsular, que ademais integre o inmenso valor cultural que aporta o parque.
O festival está xa traballando na próxima edición, coa que tratará de seguir poñendo en valor a historia do Parque do Pasatempo, así como de poñer no mapa festivaleiro e cultural ao concello e a comarca ce Betanzos, buscando ser referencia nos ciclos de concertos.