Bus gratuíto e aparcadoiros disuasorios para chegar ao Entroido Pequeno de Cambre este sábado

ACoruñaXa
O Concello activa un servizo especial accesible debido aos aparcadoiros anegados pola choiva, con frecuencia aproximada dunha hora desde as 15.00 até as 02.30
Entroido Pequeno de Cambre
19 Feb 2026

O Entroido Pequeno de Cambre sumará este ano un reforzo de mobilidade para facilitar a chegada ao Campo da Feira. O Concello porá en marcha este sábado 21 un servizo especial de autobús urbano gratuíto, accesible (con plataforma baixa e rampa), despois de que as choivas dos últimos días deixasen anegados os aparcadoiros habituais nas fincas anexas ao recinto, sen garantías de dispoñibilidade de prazas.

O bus fará un percorrido por distintas parroquias do municipio e pasará cunha frecuencia aproximada dunha hora, iniciando o servizo ás 15.00 horas e mantendo saídas até as 02.30 horas da madrugada. O Concello lembra que os horarios son orientativos e recomenda priorizar esta opción para evitar retencións e problemas de estacionamento nas inmediacións do evento.

Para completar o desprazamento, habilítanse tamén aparcadoiros disuasorios: Portofaro, A Rocha (Anceis) e Os Campóns (Sigrás), desde os que se pode coller o autobús con máis comodidade.

A programación do Entroido Pequeno inclúe, desde as 16.30 horas, o desfile de carrozas e comparsas e o concurso de disfraces, presentado por José Manuel González (Los Satélites) e coa animación de DJ Manry. Pola noite, a partir das 21.30 horas, haberá actuación musical con Los Inhumanos e a Orquestra Los Satélites.

 

⚙ Configurar cookies
0.079715013504028