Boikot abre o cartel dun Rock in Cambre que medra a súa duración a dous días

O Rock in Cambre 2026 xa ten a súa primeira confirmación. Boikot será unha das grandes bandas da próxima edición do festival, que se celebrará o último fin de semana de setembro e que este ano chega á súa XXXIV edición mantendo a súa condición de cita de referencia para os amantes do rock na comarca.
A formación madrileña actuará en Cambre o sábado 26 de setembro, dentro dunha xira na que está a presentar a súa nova etapa discográfica. O grupo acaba de lanzar 'La otra mitad', unha colaboración con Kaos Urbano que funciona como terceiro adianto do seu próximo álbum, 'No les interesa', previsto para o 19 de xuño.
A presenza de Boikot supón o primeiro nome dun cartel que irá completándose nas vindeiras semanas. A banda, cun directo marcado polo punk rock combativo e pola crítica social, encaixa na liña dun festival que ao longo dos anos reuniu no municipio a grupos consolidados e a propostas emerxentes da escena galega e estatal.
A edición deste ano chegará, ademais, cun formato ampliado. O Concello de Cambre trasladou xa a súa intención de que o Rock in Cambre dure dúas xornadas, unha fórmula coa que se busca dar máis espazo ás bandas locais e reforzar a participación do tecido musical do municipio.
Nesa liña, o Concello puxo en marcha a Batalla de Bandas Locais, un proceso do que sairán as formacións cambrensas que subirán ao escenario do festival. A iniciativa pretende converter o Rock in Cambre non só nun escaparate para grupos de primeiro nivel, senón tamén nunha plataforma para os músicos da localidade.
A cita volverá así a setembro, unha ubicación no calendario que permite afastar o festival doutras grandes convocatorias estivais e consolidar unha fin de semana propia para un evento que xa forma parte da memoria musical de Cambre.