BNG de Betanzos pon dúas condicións ao Concello para apoiar os orzamentos

ACoruñaXa
O BNG condicionou o seu apoio ao orzamento a un informe da situación económica do concello e un plan de sostenibilidade
Os representantes do BNG no Concello de Betanzos
18 Mar 2024

O BNG condicionou o seu apoio ao orzamento para 2024 a que o goberno local elabore un informe da situación económica do concello e un plan de sostenibilidade. “A situación económica do concello non é boa, todo o contrario, cada vez é máis complicada. A proposta de orzamento do goberno local do PSOE recolle a solicitude dun crédito de máis de 1millón 300 mil euros para poder asumir obras menores que están pendentes de pago, ademais temos unha débeda co consorcio das Mariñas desde o ano 2008 e facturas pendentes de pago, con Naturgy e pequenas empresas de Betanzos e da comarca de 1,5 millóns de euros. Unha parte dos pagos destas facturas recónllense no orzamento mais aínda quedaría aproximandamente a metade por pagar, pendente da incorporación do remanente do ano anterior”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.

Segundo nos informou o goberno o concello ten pendentes de cobro varias subvencións do IDAE de obras de eficiencia enerxética xa rematadas e que cando se cobren isto contribuiría a resolver parte das dificultades económicas actuais. “Con todo, pensamos que temos que ter un informe do conxunto da situación que o goberno local debe encargarlle ao servizo de intervención, e para a elaboración dun plan para garantir a estabilidade do concello e que vai poder no futuro prestar todos os servizos necesarios para as veciñas e os veciños de Betanzos”, informou Sánchez.

“É unha situación preocupante desde o punto de vista da sostenibilidade económica do Concello, e no BNG pensamos que a solución máis responsábel pasa por ter información de todo o que temos pendente de pago e de cobro e de cal é o conxunto da situación económica e un plan de sostenibilidade para poñerlle solución. O que nos preocupa é que esta situación poida condicionar no futuro os servizos que podemos darlle como concello á veciñanza”, engadiu.

Desde o BNG explicaron que a transparencia e información a toda a veciñanza é fundamental e que temos a responsabilidade de xestionar de forma adecuada os cartos públicos de toda a veciñanza. “Entendemos que é fundamental que se poida aprobar este orzamento e poder empezar xa a facer fronte aos pagos pendentes, algúns desde hai un ano, a autónomos e pequenas empresas do concello e da comarca. Mais tamén pensamos que hai que buscar solucións para que a xestión económica do concello sexa mellor e máis eficiente, como levamos anos reclamando”, explicou Amelia Sánchez.

“Ten que haber mudanzas na xestión do orzamento que garantan que cando se contrata ou se fai un gasto hai cartos no orzamento para poder asumilo. Non podemos seguir tendo aos provedores do concello e as empresas durante meses ou anos esperando para cobrar por gastar sen ter cartos no orzamento para asumir os pagos”, conclíu.

“Na proposta de orzamento do goberno local recóllense os acordos aos que chegaramos para facilitar a investidura, como o cambio no modelo de subvencións. O groso das subvencións pasarían a adxudicarse en concorrencia competitiva, agás 3 convenios nominativos á ACEBE, a asociación Concilia que xestiona as actividades extraescolares e a Fundación CIEC. No pleno do día 21 aprobáranse os pagos das subvecións pendentes do 2023.

Ademais, o orzamento para este ano, recolle unha partida diferenciada de 25 mil euros para o servizo de normalización lingüística, para promover a actividade municipal neste eido.

0.16866397857666