Biznaga súmase ao Rock in Cambre 2026 para reforzar o seu pulso punk

ACoruñaXa
A banda madrileña incorpórase a un cartel no que xa estaba confirmado Boikot e que recuperará os dous días completos de concertos os días 25 e 26 de setembro
BIZNAGA
22 May 2026

O Rock in Cambre 2026 suma un novo nome ao seu cartel. Biznaga actuará na próxima edición do festival, que se celebrará os días 25 e 26 de setembro e que manterá a súa aposta pola música en directo, o acceso gratuíto e unha programación aberta a diferentes xeracións de público. A cita conserva así o cambio de datas iniciado o pasado ano para afastarse da concentración de festivais de verán en Galicia.

A incorporación de Biznaga reforza a liña que o festival quere consolidar nesta edición: combinar bandas históricas do rock estatal con formacións actuais capaces de atraer tamén a un público máis novo. A banda chega ao Rock in Cambre como unha das propostas máis recoñecidas do punk e o rock alternativo estatal, cun son marcado pola enerxía, a melodía e unha mirada crítica sobre a realidade social.

Biznaga conta con cinco traballos publicados e chega a Cambre nun momento de especial proxección. En 2025 foi recoñecida como Mellor Artista nos Premios MIN, mentres que o seu disco '¡Ahora!' recibiu o premio a Mellor Álbum de Rock nos Premios da Academia da Música.

O grupo súmase a Boikot, primeira banda confirmada para esta edición. A formación madrileña incorporouse ao cartel nun ano no que o festival recupera o formato de dous días completos de concertos, unha decisión que permitirá ampliar a presenza de bandas locais. En total, a organización prevé a participación de cinco grupos da contorna, mantendo unha das funcións históricas do Rock in Cambre como escaparate para o talento musical do municipio.

Con máis de tres décadas de traxectoria, o Rock in Cambre afronta a súa edición de 2026 coa intención de manter o seu carácter popular e gratuíto, pero tamén de abrir o cartel a novas sonoridades dentro do rock. As próximas semanas servirán para coñecer máis nomes e detalles dunha programación que volverá converter Cambre nun punto de encontro para os seguidores da música en directo.

0.11532282829285