Biblioteca, ascensor, pista deportiva e máis luz: o Plan de Barrios suma 2,1 millóns na Coruña

O Plan de Barrios 2025-2027 dá un novo paso na Coruña con investimentos por valor de 2,1 millóns de euros para executar actuacións en Palavea, Lonzas, Castrillón e o Ensanche. A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a saída a contratación de varias intervencións incluídas na primeira fase deste programa, concibido como unha folla de ruta para responder ás necesidades detectadas nos dez distritos da cidade.
A actuación de maior importe será a construción da nova biblioteca municipal e aula TIC de Palavea, que se levantará na parcela que actualmente ocupa o antigo mercado municipal do barrio. O edificio existente será demolido como paso previo á creación deste novo equipamento sociocultural, ao que o Concello destinará 1,2 millóns de euros.
En Lonzas, o parque Pierre de Coubertin incorporará unha nova pista multideporte ao aire libre. O espazo, que xa conta cun parque infantil, ampliará así os seus usos para a mocidade e permitirá a práctica de disciplinas como fútbol sala, balonmán, baloncesto ou minibasket. A intervención contará cun investimento superior aos 200.000 euros e seguirá o modelo doutras pistas xa habilitadas nos Rosales, A Silva ou a Urbanización Breogán.
O Plan de Barrios tamén actuará na parte baixa do Castrillón, onde está prevista a mellora da accesibilidade na travesía do Montiño. A zona salva actualmente o desnivel coa rúa da Merced mediante escaleiras, o que obriga as persoas con mobilidade reducida ou con carriños de bebé a dar un rodeo. O proxecto contempla a instalación dun pequeno ascensor e a transformación da travesía en plataforma única. A actuación contará cun orzamento de 333.000 euros e un prazo de execución de oito meses unha vez adxudicada.
No Ensanche, a intervención centrarase na praza de Pontevedra, onde se renovará de forma integral a iluminación. O investimento, de case 450.000 euros, permitirá modernizar o circuíto de luminarias, mellorar a visibilidade no conxunto da praza e reforzar a seguridade peonil en zonas como a beirarrúa próxima ao Manhattan e a área de xogos infantís.
O proxecto tamén prevé instalar novos proxectores ao pé da escultura de Eusebio da Guarda, que actualmente non conta con iluminación ornamental, ademais de renovar as luminarias do colexio e do instituto para darlles unha estética uniforme co resto da rede da praza.