Betanzos volve á Idade Media coa súa Feira Franca do 10 ao 12 de xullo

GaliciaXa | ACoruñaXa
A cita, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, encherá o casco histórico con mercado, espectáculos, representacións, música e actividades para todos os públicos
BETANZOS feira medieval 2'26
8 Jul 2026

A Feira Franca Medieval de Betanzos xa ten todo preparado para transformar de novo o casco histórico nun gran escenario de época. A XXVII edición celebrarase do venres 10 ao domingo 12 de xullo e volverá levar ás rúas mercados de artesanía, gastronomía, música, teatro, animación e representacións inspiradas na historia medieval da cidade.

A cita, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, é unha das máis agardadas do calendario estival betanceiro. Durante tres días, prazas e rúas como Porta da Vila, rúa do Castro, praza da Constitución, Santiago, Roldán, Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María ou San Francisco volverán formar parte do percorrido da feira.

O interese por participar nesta edición foi moi elevado. O Concello recibiu máis de 350 solicitudes para instalar postos, aínda que as características do casco histórico, a dimensión das rúas e as medidas de seguridade limitan o número final a un máximo de 140.

A programación arrancará o venres coa apertura dos postos de artesanía e do recuncho infantil ás 18.00 horas. Xa pola noite, ás 21.00 horas, terá lugar a chegada do Señor de Andrade á praza da Constitución, seguida das danzas nobres, campesiñas e mouras, a lectura do pregón e a apertura oficial da feira. A xornada rematará ás 00.00 horas co espectáculo 'Fulgor', da compañía Hípica Celta.

O sábado, a actividade comezará ás 11.30 horas coa apertura dos postos e do espazo infantil. Ao longo do día haberá pasarrúas con músicos, cómicos e malabaristas, a chegada dos mouros ao mando de Yussuf Hammar ás 13.30 horas, a representación da Revolución Irmandiña ás 19.00 horas e un espectáculo de lume, zancudos e pirotecnia ás 00.00 horas na praza da Constitución.

O domingo abrirá de novo a feira ás 11.30 horas. A representación da expulsión dos leprosos será ás 13.30 horas e pola tarde celebraranse novas actividades, entre elas o Torneo Medieval ás 18.00 horas e as Danzas Mouras ás 23.30 horas.

Durante toda a fin de semana, Betanzos convidará veciñanza e visitantes a mergullarse nunha celebración que combina historia, comercio, cultura popular e ambiente festivo nun dos cascos históricos máis recoñecibles de Galicia.

PROGRAMA

0.13015985488892