Betanzos visibiliza á muller no deporte na súa programación do 8M
O mes da Muller contará en Betanzos con diversas actividades municipais en conmemoración do 8 de marzo, centradas en poñer en valor o papel das mulleres no ámbito deportivo, pero tamén en visibilizar a referentes femininos dentro do deporte betanceiro.
A programación comeza o día 6 de marzo coa narración oral 'Conversas cunha heroína' na que se ofrece ao público escolar un paralelismo escénico entre os séculos XVI e XXI, onde unha heroína de guerra, María Pita, e unha árbitra de fútbol expoñen os obstáculos aos que se enfrontan para acadar as súas metas.
O venres 8 desenvolverase o 'Escape Room pola igualdade', ateigado de probas e retos para a mocidade, na busca dunha experiencia única que achegue á xente nova a unha sociedade equitativa e libre de violencias.
Durante a fin de semana haberá dúas citas ineludibles; o sábado 9 de marzo chega unha nova edición do 'Roteiro Betanzos en Feminino', imprescindible para realizar un percorrido histórico pola importante impronta das mulleres na vida da cidade; e o domingo 10 a entrega do 'Premio Úrsula Meléndez de Texeda' a Consuelo Carro Veiga, en representación de todas as mulleres anónimas que vincularon a súa traxectoria ao mundo dos coidados, sostén da nosa sociedade.
A programación completase co Obradoiro 'Muller TIC' os días 13 e 14 de marzo, como estratexia de apoderamento dixital; e a entrega o xoves 14 do Distintivo Muller Emprendedora 2023, para aquelas mulleres que se puxeron ao fronte dun negocio o ano anterior.
O acto central da campaña, o 'Encontro de Deportistas Betanceiras', terá lugar o venres 15 de marzo, a través dunha proxección homenaxe e dun faladoiro no que algunhas das nosas deportistas compartirán as súas experiencias.
Nas redes sociais municipais desenvolverase tamén a 'Exposición Virtual O Deporte con A', rescatando diferentes materiais de arquivo vinculados co deporte feminino doutras épocas.
Por último, no ámbito educativo o Concello de Betanzos colabora coa Deputación Provincial da Coruña na execución do 'Programa interxeneracional Mulleres do pasado, semente de futuro', poñendo o foco nas inestimables achegas das avoas.