Betanzos reúne máis dun cento de expositores na IX Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage

ACoruñaXa
As pistas do Carregal acollerán esta fin de semana unha nova edición do certame, con pezas procedentes de Galicia, outras comunidades e Portugal
BETANZOS antiguedades
2 Jul 2026

Betanzos converterase esta fin de semana nun punto de encontro para os afeccionados ás antigüidades, o coleccionismo e os obxectos vintage coa celebración da IX Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage. O evento terá lugar os días 4 e 5 de xullo nas pistas do Carregal, onde se darán cita expositores chegados de distintos puntos de Galicia, doutras comunidades autónomas e tamén de Portugal.

O certame, organizado pola asociación cultural Ferro Vello, alcanza a súa novena edición consolidado como unha das citas de referencia deste sector en Galicia. Ao longo das dúas xornadas, o público poderá percorrer os diferentes postos e descubrir milleiros de pezas relacionadas co coleccionismo e a decoración.

Entre os obxectos que se exhibirán e estarán á venda haberá mobles antigos, porcelanas, libros, discos de vinilo, moedas, radios, lámpadas, pezas de arte sacra, elementos de decoración rural e outros artigos de diferentes épocas e estilos.

A feira abrirá o sábado e o domingo en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 21.00 horas, con entrada gratuíta para todas as persoas visitantes.

0.12114214897156