Betanzos retoma o proxecto dun Parador no casco histórico tras unha reunión en Fitur

O Concello de Betanzos volveu poñer enriba da mesa a posibilidade de impulsar un Parador no casco histórico. A alcaldesa, María Barral, mantivo este venres en Fitur unha reunión coa presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, para retomar unha iniciativa que xa lle fora trasladada hai dous anos e avanzar cara a unha proposta máis definida, cun inmoble concreto como opción principal.
Segundo explicou o goberno local, a idea inicial contemplaba daquela tres posibles emprazamentos e o compromiso de continuar traballando para concretar a actuación nun deles. Co paso do tempo, dúas desas alternativas, vinculadas a edificacións do ámbito eclesiástico, quedaran practicamente descartadas pola falta de avances nas conversacións mantidas coa Igrexa, xa que (segundo o Concello) non existía intención de vender.
En paralelo, o executivo municipal mantivo contactos con propietarios particulares. Entre eles, os dun inmoble histórico situado nas inmediacións da Igrexa de Santiago, entre a rúa da Torre e a rúa Lanzós. Trátase dun edificio de máis de 1.400 metros cadrados que se atopa actualmente en proceso de venda, unha circunstancia que levou á alcaldesa a reactivar o proxecto e expor a Paradores a posibilidade “real” de adquirir ese inmoble para desenvolver o futuro establecemento.
Agora, será Paradores quen estude a opción de compra. A propia presidenta da entidade, segundo trasladou o Concello, considerou que o edificio “encaixaría co plantexamento” abordado nas reunións previas. Os servizos técnicos analizarán a viabilidade da operación e o seu encaixe na programación de actuacións a curto ou medio prazo.
O goberno municipal defende que o proxecto persegue un dobre obxectivo: contribuír á dinamización do casco histórico e, ao tempo, paliar o déficit de prazas hoteleiras na cidade. “Existe unha boa oferta en canto a calidade, pero non en cantidade”, sinalan desde o Concello, que considera que un equipamento deste tipo nun “entorno único” sería un paso máis no plan de revitalización do centro histórico e un motor para o conxunto de Betanzos.
Barral trasladou tamén que a posta en marcha dun Parador non só tería impacto no municipio, senón tamén na comarca e na provincia, ao lembrar que A Coruña non conta actualmente con ningún establecemento desta rede. Na súa opinión, Betanzos reúne as condicións históricas e urbanas para albergar un proxecto destas características e reforzar un modelo turístico que, segundo sostén, hoxe é insuficiente.