Betanzos renderá homenaxe a Ángel de la Cruz na súa Semana Internacional de Cine

Betanzos celebrará do 21 ao 24 de xullo a XXIII Semana Internacional de Cine, que nesta edición estará dedicada ao cineasta e guionista galego Ángel de la Cruz, unha das figuras máis destacadas da animación e do audiovisual español.
A programación foi presentada pola alcaldesa, María Barral; o director da Semana de Cine, Chema Paz Gago; e o propio homenaxeado. Durante catro xornadas proxectaranse sete longametraxes que permiten percorrer diferentes etapas da traxectoria de De la Cruz, desde os seus grandes éxitos na animación ata o thriller, a comedia e o cine de autor.
O ciclo abrirase o martes 21 de xullo con El bosque animado e El sueño de una noche de San Juan. O mércores 22 será a quenda de Arrugas e Memorias de un hombre en pijama, dúas películas cun marcado contido social arredor do envellecemento e do deterioro cognitivo. O xoves 23 proxectaranse Los muertos van deprisa e O home e o can. A clausura chegará o venres 24 coa proxección de La silla e coa gala de entrega do Premio da Semana Internacional de Cine de Betanzos a Ángel de la Cruz.
Durante a presentación, María Barral destacou a importancia de poñer en valor o talento galego e lembrou que a Semana de Cine vén recoñecendo nos últimos anos o traballo de profesionais de Galicia vinculados a diferentes ámbitos do audiovisual. A alcaldesa tamén subliñou o papel do Cine Alfonsetti, considerado un dos cinemas en funcionamento máis antigos de Europa e un espazo municipal clave na programación cultural da cidade.
Chema Paz Gago definiu a Ángel de la Cruz como un verdadeiro 'contador de historias' e destacou a súa capacidade para moverse por xéneros moi diferentes, desde a animación en 3D ata a comedia, o suspense ou o cine máis social.
Pola súa banda, o cineasta agradeceu a homenaxe e lembrou a súa relación persoal e profesional con Betanzos. De la Cruz explicou que algúns dos seus primeiros recoñecementos como guionista chegaron na cidade e que tamén participou nela na rodaxe dunha das súas primeiras longametraxes como axudante de dirección artística.
A gala do 24 de xullo, coa tradicional alfombra vermella, pechará unha edición que volverá situar Betanzos como punto de encontro para o cine galego e español.