Betanzos reclama entrar na área compartida do servizo de taxi da Coruña

O Concello de Betanzos solicitará á Xunta de Galicia a incorporación do municipio á Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi da área da Coruña, actualmente en proceso de creación. A petición será trasladada ao vindeiro Pleno municipal, que reclamará revisar a delimitación prevista, na que inicialmente están incluídos A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
A alcaldesa, María Barral, considera que a exclusión de Betanzos non se corresponde coa relación territorial, social e económica que existe entre o municipio, a cidade da Coruña e os concellos da súa contorna. O Concello reclama que se apliquen a Betanzos os mesmos criterios obxectivos empregados para definir a incorporación dos demais municipios.
A petición responde tamén ás necesidades trasladadas polo sector do taxi local. Segundo explica o Concello, unha parte importante dos servizos realizados polos taxis de Betanzos teñen como destino A Coruña ou outros concellos próximos. Na actualidade, a normativa impídelles recoller novos pasaxeiros para realizar o traxecto de volta, polo que os vehículos deben regresar baleiros.
O Goberno local sinala que esta situación incrementa os custos de explotación, limita a dispoñibilidade dos taxis e dificulta aproveitar un servizo que xa está operativo. Por este motivo, a proposta que se levará ao Pleno pedirá á Xunta que revise a delimitación inicial e incorpore Betanzos á APC. Se finalmente o municipio queda fóra, o Concello reclama que se expliquen expresamente os criterios técnicos, funcionais e xurídicos que xustifican esa decisión.
No mesmo Pleno tamén se abordará a aprobación da nova Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi de Betanzos, que actualiza a normativa municipal e a adapta á lexislación vixente. Un dos principais obxectivos do novo texto é garantir a dispoñibilidade do servizo durante as 24 horas do día.
O Concello asegura que nos últimos anos recibiu queixas pola falta de taxis, especialmente durante a noite. A alcaldesa considera que esta situación debe ser corrixida ao tratarse dun servizo público esencial. “O taxi é un servizo fundamental para moitas persoas, tanto para desprazamentos relacionados co traballo como para acudir a citas médicas, regresar ao domicilio con seguridade ou atender calquera outra necesidade. O Concello non pode permitir que haxa franxas horarias nas que este servizo simplemente non exista”, sinalou.
A nova ordenanza permitirá ao Concello organizar, cando sexa necesario, os horarios, quendas e descansos dos profesionais para garantir unha cobertura adecuada e permanente. A regulación busca compatibilizar esa dispoñibilidade coas necesidades de conciliación e cos dereitos das persoas que traballan no sector.
O texto incorpora ademais outras medidas de actualización do servizo e de protección das persoas usuarias. Entre elas figura unha antigüidade máxima de doce anos para os vehículos, a regulación dos taxis adaptados para facilitar os desprazamentos das persoas con diversidade funcional e a obriga de mostrar de forma visible as tarifas e a identificación tanto do vehículo como do condutor.