Betanzos prohibirá aparcar xunto á estación de Infesta do 4 ao 12 de novembro

O Concello de Betanzos prohibirá temporalmente o estacionamento no ramal de acceso á estación de Betanzos-Infesta desde a estrada AC-542, entre o 4 e o 12 de novembro. A restrición busca facilitar a circulación dos autobuses que Renfe habilitará para cubrir por estrada parte dos traxectos ferroviarios afectados polas obras que Adif realiza na estación da Coruña.
Durante ese período, o servizo ferroviario permanecerá interrompido entre Betanzos e A Coruña. Nas liñas de Media Distancia A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol, as persoas viaxeiras realizarán en autobús o percorrido entre ambas as cidades, con Betanzos-Infesta como punto de conexión entre o transporte por estrada e os trens.
Para garantir a recollida e baixada de pasaxeiros, así como as manobras de entrada e saída dos autobuses ata a propia estación, o acceso deberá permanecer libre de vehículos durante toda a intervención. O Concello pide á cidadanía e ás persoas usuarias que respecten a sinalización provisional que se instalará na zona.
A prohibición manterase ata o 12 de novembro, data prevista para o remate desta fase das obras e a recuperación do funcionamento habitual do servizo ferroviario.