Betanzos presenta uns orzamentos de case 14 millóns para 2026, cun forte incremento en gasto social e investimentos

O Concello de Betanzos deu a coñecer o proxecto de Orzamentos Municipais para 2026, que ascende a 13.930.579,24 euros, o que supón 2.969.487,46 euros máis que no exercicio anterior (un 27,09% de incremento). A alcaldesa, María Barral, sinalou que as contas permiten recuperar capacidade de investimento e consolidan un modelo centrado na protección social, a educación, a igualdade e a mellora de servizos tanto na zona urbana como no rural.
Un dos principais bloques é o social. O Concello prevé 2,6 millóns de euros para políticas sociais e mantén como prioridade o Servizo de Axuda no Fogar, ao que reserva 1,3 millóns de euros. Tamén se recollen partidas para transporte municipal, programas de atención no ámbito das drogodependencias e gasto social extraordinario a través do POS+ Adicional. Ademais, por primeira vez inclúense fondos específicos para avanzar na creación dun Centro de Información á Muller (CIM), cunha dotación de 151.261 euros, que se situaría no edificio de Servizos Sociais.
No capítulo de funcionamento, os gastos de persoal sitúanse en 6.202.232,99 euros e o gasto en bens correntes e servizos supera os 5,2 millóns, cunha suba do 18,17% que, segundo o Concello, permitirá reforzar a limpeza, o mantemento, a atención social, a cultura, o deporte e outros servizos esenciais.
A educación é outro eixo salientable: o proxecto destina 1,3 millóns de euros ao mantemento do CEIP Vales Villamarín, á Escola Infantil Municipal e á xestión directa por parte do Concello do comedor e do programa de madrugadores no Vales Villamarín, co obxectivo de garantir control público e calidade. As contas manteñen tamén a aposta polo Conservatorio municipal e pola programación cultural e de dinamización lingüística.
En investimentos reais, o orzamento prevé 1.312.299,09 euros, cun aumento notable. Entre as actuacións anunciadas figura a reforma e recuperación do parque infantil do Pasatempo, en colaboración coa Deputación, cun investimento de 300.000 euros. Tamén se inclúen medidas de eficiencia enerxética no alumeado público e no Polideportivo Municipal, a renovación e pintado de pavimentos viarios en rúas como As Mariñas, Manuel María e Irmandades da Fala, actuacións na zona de Infesta, a posta en valor do barrio da Condesa e melloras de pavimentación na Condomiña.
O proxecto incorpora, ademais, transferencias e subvencións a entidades sociais, culturais e económicas, con apoio a colectivos como ACEBE, a Asociación Concilia, a Fundación CIEC e unha achega á Fundación Globo de San Roque para contribuír á conservación e divulgación desta tradición.
No apartado financeiro, o Concello indica que a débeda comeza o exercicio en 4,7 millóns de euros e prevé pechalo en 3,3 millóns, coa liquidación do mecanismo estatal de pagamento a provedores. Segundo a información municipal, esa ratio de débeda (26,86%) quedaría moi por debaixo do límite do 110% marcado pola normativa.