Betanzos presenta a programación do 25N centrada na violencia vicaria
O Concello de Betanzos presenta unha ampla programación co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, poñendo especial atención á violencia vicaria. Baixo o lema “Contra as Violencias”, a campaña busca sensibilizar á poboación e ofrecer espazos de reflexión e prevención sobre esta problemática que afecta especialmente a mulleres e menores.
Este ano, o comercio local, establecementos de hostalaría e entidades do tecido asociativo de Betanzos sumaranse á campaña decorando os seus espazos con mensaxes sobre a violencia vicaria e as súas distintas formas. Estes locais disporán de materiais informativos e sensibilizadores para concienciar á cidadanía sobre a importancia de erradicar esta forma de violencia.
A programación inclúe actividades de coeducación dirixidas a estudantes de primaria e secundaria. Nos centros de ensino impartiranse obradoiros sobre o bo trato e a prevención do acoso na rúa, promovendo actitudes de respecto e coidado entre iguais. Ademais, haberá un curso de defensa persoal destinado a mulleres, dirixido por profesionais especializados, que ensinarán técnicas de prevención e actuación ante posibles situacións de risco.
Outro dos momentos destacados da programación será a concesión do Distintivo Muller Emprendedora. Toda unha vida, que recoñecerá a unha muller betanceira que leva máis de 25 anos á fronte do seu propio negocio. Esta homenaxe terá lugar o venres 22 de novembro no Salón Azul.
O sábado 23 de novembro terá lugar unha nova edición do “Roteiro Betanzos en Feminino”, que partirá ás 11:00 horas da Oficina de Turismo, promovendo unha visión feminista do patrimonio e a historia da vila.
O luns 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza da Constitución, darase lectura ao Manifesto institucional contra as violencias, nun acto aberto ao público no que participará o alumnado de secundaria de Betanzos. Tamén haberá un faladoiro sobre Violencia Vicaria e Menores en Risco o xoves 28 de novembro, ás 12:00 horas, na Aula Xulio Cuns, con expertos en intervención social que traballan directamente con casos de violencia de xénero.
Finalmente, o Concello de Betanzos colabora por cuarto ano consecutivo na campaña “De fronte”, impulsada pola Deputación Provincial da Coruña, que terá lugar entre o 18 e o 30 de novembro, reforzando a loita contra as violencias machistas.