Betanzos prepara a renovación das piscinas do Carregal cunha concesión de 25 anos e 2,47 millóns de euros de investimento

ACoruñaXa
O Concello levará ao Pleno o estudo de viabilidade que permitirá avanzar cara á futura licitación, con actuacións na piscina cuberta e na de verán
BETANZOS piscina do complexo deportivo do Carregal
25 Sep 2026

O complexo deportivo das piscinas do Carregal afronta un proceso de modernización que poderá mobilizar 2.475.122 euros ao longo dos próximos 25 anos. O Concello de Betanzos levará á vindeira sesión plenaria a aprobación definitiva do estudo de viabilidade económico-financeira da futura concesión do servizo, un trámite previo á posterior licitación.

A proposta contempla unha concesión por un período de 25 anos, vinculada aos investimentos que deberá asumir a empresa que resulte adxudicataria. O investimento inicial previsto ascende a 1.731.936 euros, mentres que a contía total, incluídas as reinversións previstas durante a duración do contrato, alcanza os 2.475.122 euros, cantidades sen IVE.

A actuación afectará ao conxunto do complexo deportivo e incluirá tanto a piscina cuberta climatizada como a piscina exterior de verán, ademais dos diferentes espazos e servizos asociados. O proxecto contempla unha remodelación interior de máis de 1.300 metros cadrados.

Entre as zonas nas que se prevén actuacións están os vestiarios, as salas de fitness e musculación, os espazos para actividades, a sala de bike, a zona de cardio e as áreas de acceso e comunicación. Tamén se contempla renovar equipamento deportivo e actualizar o mobiliario, os sistemas informáticos e as ferramentas de xestión.

O obxectivo é adaptar unhas instalacións que levan funcionando desde 1991 ás necesidades actuais das persoas usuarias, cunha mellora da funcionalidade e accesibilidade do complexo e unha oferta deportiva máis ampla.

O modelo proposto establece que a futura concesionaria asumirá tanto o investimento inicial como as reinversións que correspondan durante os 25 anos de contrato. Tamén se fará cargo da xestión ordinaria do servizo e dos custos de explotación, incluídos os gastos de persoal.

O estudo económico prevé, pola súa parte, unha achega anual do Concello de 113.000 euros máis IVE para garantir a viabilidade económica da prestación do servizo nas condicións previstas.

A aprobación do estudo non supón aínda a adxudicación da piscina nin o inicio da concesión. Segundo explica o Concello, trátase dun paso previo dentro dun procedemento que deberá continuar con diferentes trámites administrativos.

Unha vez que o Pleno dea luz verde ao estudo, este será remitido á Oficina Nacional de Avaliación (ONE), que deberá emitir o informe preceptivo sobre a sustentabilidade financeira da futura concesión. Completados os trámites correspondentes, o Concello poderá avanzar cara á licitación do contrato.

0.12841296195984