Betanzos pon en marcha un novo obradoiro de emprego no ámbito sociosanitario con 15 participantes

ACoruñaXa
Barral lembrou que a experiencia doutras edicións mostra que, cando chega a clausura, o alumnado xa conta con ofertas de traballo
obradoiro-arume-betanzos
18 Oct 2026

O Concello de Betanzos, xunto cos de Coirós e Abegondo, inaugurou o obradoiro de emprego de ámbito sociosanitario, enmarcado nos programas da Xunta. Durante nove meses, 15 alumnos e alumnas combinarán formación e prácticas en coidados sociosanitarios, tanto en domicilios como en institucións sociais.

Ao rematar, o alumnado obterá os certificados de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade.

Na apertura, á que asistiron tamén representantes dos concellos de Coirós e Abegondo, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, deulle a benvida ao alumnado e pediulle que aproveite “unha oportunidade magnífica”, xa que son poucas as ocasións de formarse e realizar prácticas en entidades que precisan persoal cualificado. Salientou que o sector sociosanitario rexistra en Galicia unha demanda altísima de profesionais.

Barral lembrou que a experiencia doutras edicións mostra que, cando chega a clausura, o alumnado xa conta con ofertas de traballo: “Está nas nosas mans ter este título e esa oferta de emprego case garantida ao final da formación”. Neste sentido, confiou en que, despois dos nove meses, haberá ofertas “moi preto das vosas casas”. Tamén felicitou os participantes por formar parte da selección e puxo en valor a vocación que require este ámbito, “preciosa, aínda que non é a vocación de todo o mundo”.

A rexedora agradeceu o traballo do persoal docente, da dirección do obradoiro, dos concellos de Coirós e Abegondo e da Xunta, e desexou que o final do obradoiro sexa “o inicio doutro camiño: a vida laboral” do alumnado. “Dentro de nove meses entregaremos eses certificados e nos contaredes que xa comezastes a traballar, porque iso será unha gran noticia”, engadiu.

Pola súa banda, o concelleiro de Formación e Emprego, Ricardo Cheda, puxo en valor o esforzo das administracións para captar este tipo de programas e agradeceu o apoio da Xunta. Explicou que o obradoiro comezará cunha fase de formación teórico-práctica á que seguirá un período de prácticas profesionais.
 Cheda agradeceu especialmente a colaboración das entidades participantes, entre elas a Fundación Hospitalarias Pai Menni, a Residencia García Hermanos, Aspace, Aspronaga e Idades, empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar de Betanzos. “Sen todas estas institucións sería imposible ofertar un Obradoiro de Emprego como este”, destacou.

O edil subliñou tamén os bos resultados das edicións anteriores: o último obradoiro rexistrou unha “empregabilidade altísima, practicamente da totalidade do alumnado”. Ademais, defendeu que a presenza de numerosas entidades sociosanitarias na comarca e a demanda constante de profesionais xustifican a continuidade destes programas: “Estamos convencidos de que a alta empregabilidade e a presenza de institucións sociais tan importantes como as que temos no noso municipio e nos concellos da contorna merecen unha man de obra que demandan ano tras ano”.

0.15878701210022