Betanzos pedirá melloras no transporte metropolitano antes de prorrogar o convenio

ACoruñaXa
A alcaldesa María Barral insiste na necesidade de mellorar a planificación, as frecuencias e os horarios do servizo antes de continuar co convenio de transporte metropolitano
Imaxe dos autobuses da Xunta
11 Nov 2024

O Concello de Betanzos notificará á Xunta a súa intención de prorrogar o convenio de transporte metropolitano só se se melloran as condicións do servizo, que desde hai anos veciños e autoridades locais reclaman. A alcaldesa, María Barral, advirte que, sen abordar estas melloras, “Betanzos non manterá o convenio actual” e planea comunicar esta decisión á Dirección Xeral de Mobilidade antes do 1 de decembro.

Barral sinalou que comprende a postura dos alcaldes da comarca das Mariñas, pois “os problemas que padecen son os que tamén sufrimos en Betanzos con outras compañías de transporte”. A rexedora lembrou que, nos últimos anos, o Concello manifestou en diversas ocasións o seu malestar pola falta de planificación no servizo de transporte, coas frecuencias e horarios que non se axustan ás necesidades reais da veciñanza. “En moitas ocasións, os autobuses non chegan ou, cando o fan, chegan cheos e deixan a xente sen poder subir”, explicou Barral.

A alcaldesa reiterou que se trata dun problema estrutural e non dunha cuestión política. Aínda que se fixeron algúns cambios, estes foron insuficientes para solucionar os problemas persistentes. Aínda se esperan solucións, como a instalación dun panel informativo cos horarios de paso, unha promesa que non se cumpriu.

Betanzos leva anos reclamando melloras, especialmente no que respecta aos desprazamentos cara a centros sanitarios, polígonos industriais e universidades. A pesar de pedir reunións para abordar as queixas, a comisión de seguimento nunca se convocou, e as melloras non se materializaron. A alcaldesa subliñou que, a pesar de que as demandas das localidades da comarca da Coruña son similares, os problemas específicos de Betanzos deben ser tratados por separado.

Betanzos, que achega un 20% ao financiamento do servizo, agarda que a Xunta tome en serio as súas demandas e poida garantir melloras reais no transporte metropolitano.

0.19155192375183