Betanzos organiza a V edición do Ciclo de 'Música Antiga en Betanzos'

ACoruñaXa
O ciclo contará coas actuacións de Jordi Savall, Enrike Solinís e o Coro da Comunidade de Madrid, baixo a dirección do prestixioso Marc Korovitch
Imaxe do cartel de 'Música antiga en Betanzos_
Imaxe do cartel de 'Música antiga en Betanzos_
17 abr 2024

O Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM), o Concello de Betanzos e a Unidade Pastoral de Betanzos organizan a quinta edición do ciclo 'Música Antiga en Betanzos',  un ciclo de tres concertos coproducido por estas institucións e integrado dentro dos 'Circuítos' do CNDM, as actividades, ciclos e festivais que se impulsan co obxectivo de articular a actividade musical por toda a xeografía española e parte do estranxeiro.

Deste xeito, durante a fin de semana do 2 ao 4 de maio, coincidindo coa ponte do Día do Traballo, a cidade acollerá a destacados nomes da música histórica española: o icónico Jordi Savall como violista e director, xunto con Xavier Díaz-Latorre e Pedro Estevan; o laudista Enrike Solinís, cun delicado repertorio de corda pulsada; e o Coro de la Comunidade de Madrid, baixo a dirección do prestixioso Marc Korovitch.

O circuíto 'Música Antiga en Betanzos' centra a súa atención na música medieval, renacentista e barroca, seguindo a liña de recuperación e difusión deste repertorio por parte do CNDM. Os concertos distribuiranse en tres espazos diferentes: a Igrexa de San Francisco, a Igrexa de Santa María do Azougue e a Igrexa de Santiago. Todas as citas terán lugar ás 20.30 horas e con entrada libre ata completar a capacidade.

O ciclo comezará o xoves 2 de maio, na Igrexa de San Francisco, co icónico Jordi Savall, un dos maiores referentes da interpretación historicista do noso tempo. Dentro da súa longa traxectoria musical, xa sexa como concertista ou investigador, coa súa viola da gamba ou como director, destacou principalmente polo seu formidable labor na recuperación de música antiga e a súa interpretación.

Neste concerto, acompañaranlle Xavier Díaz- Latorre á guitarra e tiorba, e Pedro Estevan á percusión. Xuntos interpretarán un ambicioso programa baixo o título de “Folías y Romanescas” dedicado a unha das prácticas máis usadas na interpretación instrumental dos séculos XVI e XVII: a improvisación. Tanto a folía como a romanesca, son esquemas rítmicos e harmónicos de orixe ibérica que, durante moito tempo, serviron como base para realizar esta complexa e persoal práctica musical. Jordi Savall, Xavier Díaz-Latorre e Pedro Estevan ofrecerannos neste programa as súas versións máis únicas destas sonoridades tan características.

Ao día seguinte, o venres 3 de maio na Igrexa de Santa María do Azougue, será a quenda do virtuoso Enrike Solinís ao laúde, tiorba e guitarra. No seu programa, baixo o nome Ars lachrimae, Solinís presenta un percorrido pola historia dunha das músicas máis íntimas que naceron no ámbito privado europeo de finais do século XVI e comezos do XVIII. John Dowland, Luís de Narváez, Johann Sebastian Bach, ou Gaspar Sanz son algúns dos compositores presentes neste recital de corda pulsada no que poderemos gozar de transcricións, obras para guitarra española e, predominantemente, danzas e suites.

Finalmente, o sábado 4 de maio, a Igrexa de Santiago acollerá o concerto do Coro da Comunidade de Madrid baixo a dirección de Marc Korovitch, cun programa especial, de obras de Joan Cererols e Domenico Scarlatti. O repertorio incluirá, por unha banda, cinco salmos que reflicten a devoción constante do compositor Cererols cara á música sacra e cara ao estudo relixioso cultivados desde a súa infancia no mosteiro de Montserrat. Como un contraste magnífico, escoitaremos o Stabat Mater de Domenico Scarlatti, unha composición que se atopa dentro dunha venerable e longa tradición do compositor. Este concerto promete ser unha viaxe musical inesquecible que nos transportará a través do tempo e a devoción.