Betanzos opta a unha axuda de 3 millóns de euros para reformar o parque do Pasatempo
O Concello completou os trámites ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para optar a unha axuda de 3 millóns de euros para o parque do Pasatempo dentro do programa para financiar traballos de conservación de bens inmobles de patrimonio histórico a través do 2% cultural. Dos tres millóns, o 25% sería achegado polo propio Concello con fondos propios.
Nesta liña, o proxecto completaría as actuacións realizadas no primeiro nivel do parque mediante o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación, e os 1,5 millóns logrados de Fondos Europeos que o Goberno Central destinou a Bens de Interese Cultural e entre os que en Galicia se incluíu o parque do Pasatempo. Unha actuación que o Concello espera que a Xunta contrate canto antes coa que se recuperará a fonte das Catro Estacións, a gruta e o estanque da Gruta da Recoleta e o invernadoiro, ademais da balaustrada do Retiro.
O proxecto que opta a ese 2% cultural inclúe actuacións en varias zonas do parque como a mellora dos accesos, a restauración dos elementos artísticos, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora da rede de servizos e un centro de recepción de visitantes.
Unha das partidas máis importantes está destinada á restauración de elementos artísticos para devolverlle, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, “o esplendor orixinal e á vez conservar o que chegou ata os nosos días, para transmitirllos ás futuras xeracións”.
Proponse, neste sentido, unha intervención para desenvolver un plan de restauración que, partindo do inventario xerado polo plan director do parque e avalado por Patrimonio, “estableza actuacións urxentes para cada peza, e defina unha folla de ruta para a recuperación de todos os elementos artísticos do parque”.
O plan conterá fases de actuación comezando por restaurar nunha primeira fase aquelas pezas que necesiten actuacións prioritarias. Para as seguintes realizaranse actuacións ordenadas por terrazas, comezando pola terraza primeira e finalizando pola sexta, xa que tamén a carga escultórica das terrazas superiores é menor. Con relación a elementos que xa foron intervidos por motivos de conservación urxente, con esta actuación serán finalizados por completo.
O plan deberá prever a posible recuperación, restauración e recolocación no parque das pezas que conservadas por particulares sexan cedidas por estes para ser integradas novamente no BIC. O plan tamén valorará incluír entre as actuacións aqueles elementos hoxe perdidos dos que se conservan imaxes de calidade que permitan unha reprodución fiel ao modelo orixinal, sen producir un falso histórico.
A mellora dos accesos será outra das actuacións incluídas no proxecto presentado ante o Ministerio coa creación do acceso principal ao recinto que estará situado no primeiro nivel do Pasatempo, aproveitando un oco existente no muro perimetral que actualmente pecha o parque. Deste xeito aproveitarase este espazo sen perder elementos orixinais para xerar un acceso seguro e controlado, e a pavimentación do camiño de subida ata esta entrada para que sexa seguro ás persoas visitantes, e permitirá a chegada de persoas con mobilidade reducida.
Tamén se mellorará a seguridade das zonas que dan acceso ás galerías de mantemento, zonas que están abertas e polas que calquera persoa podería penetrar. Zonas, por tanto, pouco seguras onde se pretenden instalar portas ou tapas que aseguren o peche destes espazos.
Melloras na accesibilidade ao complexo
Do total do proxecto, outra boa parte irá para un conxunto de intervencións que melloren as condicións de accesibilidade interior do parque e poder así presentar unha visita máis accesible para todos os públicos sen afectar o ben. Este conxunto de intervencións propón executar ramplas de estrutura e acabado de madeira, superpostas a chanzos e pequenos tramos de escaleiras, permitindo así a mobilidade de cadeiras de rodas, nenos/as ou persoas con mobilidade reducida. Con iso haberá tamén un sistema aumentativo e alternativo de comunicación que mediante pictogramas axude a mellorar a comprensión física do espazo e orientar ás persoas con dificultades en comunicación e linguaxe a gozar de forma segura tamén do parque.
Prevese instalación dunha rampla de acceso ao muro de Arxentina, outra rampla de acceso á Caverna cunha nova rampla en lugar da existente, con menor pendente e que faga accesible boa parte da caverna a persoas con mobilidade reducida e evite que o resto das persoas usuarias esvarar ao pisar o pétreo actual.
Ademais, prevese unha nova porta de acceso á cuberta 4 desde o camiño lateral, que chegue ao león colosal desde onde se ten unha visión panorámica de Betanzos, e para facilitar a accesibilidade interior das primeiras tres terrazas sen dependen dunha saída ao camiño lateral, estudáronse polo menos dúas posibles localizacións para instalar un elevador que comunique a terraza un coa tres. En ambas as opcións, a afección sobre os elementos artísticos é nula e facilitaría a todos os públicos o percorrido polo tres terrazas máis grandes e icónicas do parque.
Canto á rede de servizos, como o abastecemento de auga, rega, electricidade e iluminación pública, complétanse diversos traballos para substituír a actual rede obsoleta ou en mal estado. Unha das principais intervencións será a posta en servizo do sistema hidráulico proveniente do manancial, realizando as reparacións e axustes necesarios para que a auga brote correctamente polas fontes das terrazas un e dous.
Tamén se realizará unha instalación de iluminación adecuada, segura, de baixo consumo e compatible cos espazos, para que non interfira na contemplación do ben e que potencie os elementos artísticos. Utilizaranse na iluminación sensores de detección de movemento. Ademais instalarase un sistema de vídeo-vixilancia do parque.
Un centro de recepción de visitantes
Por último, o proxecto prevé un centro de recepción de visitantes, proposto no plan director do parque xa que potenciará o recurso desde o punto de vista turístico. A actuación propón utilizar a parte inferior das bancadas do auditorio, construído mediante un gran muro de traza arqueada, que hoxe se percibe como unha barreira visual para o parque. O novo espazo será unha porta de entrada para atención de visitantes, punto de información, venda de entradas e artigos relacionados co parque e un lugar de saída de visitas guiadas. Tamén se proporcionará información turística sobre Betanzos e a súa contorna, establecéndose como unha das visitas obrigadas da comarca e mesmo da cidade da Coruña.
Albergaría unha maqueta para comprender o parque, e estaría dotado con medios audiovisuais e sala de exposicións. Oficinas, almacéns, unha terraza panorámica e aseos que darían servizo tamén ao auditorio en diferente horario, completarían as instalacións que, no seu conxunto, serían como una unha parte externa ao Museo das Mariñas. Na súa contorna proxéctanse unha zona de aparcadoiro de autobuses, mobiliario urbano, aparcabicis e zona de cargadores eléctricos.