Betanzos ofrece en Infesta obradoiros gratuítos para coidadoras sobre autocoidado e xestión emocional

ACoruñaXa
O programa ‘Cuidadanas’, en colaboración con Fundación Mujeres, impartirase os venres entre febreiro e marzo, de 10.30 a 12.30 horas
coidado fogar
4 Feb 2026

O Concello de Betanzos pon en marcha unha nova edición dos obradoiros do programa ‘Cuidadanas’, dirixidos a persoas que son ou foron coidadoras e que buscan ferramentas para coidarse e aprender a xestionar as emocións no día a día.

As sesións celebraranse no Local Social de Infesta os venres 13, 20 e 27 de febreiro e 6, 13, 20 e 27 de marzo, en horario de 10.30 a 12.30 horas. A participación é de balde.

A formación abordará contidos como saúde e autocoidado, xestión emocional, xestión da culpa e xestión de conflitos. A iniciativa está organizada polo Concello en colaboración con Fundación Mujeres e conta con financiamento da Deputación da Coruña.

As inscricións poden formalizarse ata o venres 6 de febreiro nos Servizos Sociais de Betanzos ou no propio local social.

⚙ Configurar cookies
0.080671072006226