Betanzos manterá o convenio do transporte metropolitano coa Xunta
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, trasladou á directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, unha serie de demandas imprescindibles para renovar o convenio de transporte metropolitano. Entre estas medidas, destacaron a necesidade de mellorar a información para as persoas usuarias, redefinir as frecuencias dos autobuses e potenciar as conexións coa universidade e os polígonos industriais.
Durante a reunión, Barral subliñou a importancia de convocar a comisión de seguimento, que non se reúne desde hai anos, como paso esencial para garantir un servizo axeitado. Tamén destacou a receptividade da Xunta nesta ocasión, contrastando coa falta de resposta do anterior goberno autonómico. "En varias ocasións convidei a antiga conselleira Éthel Vázquez a comprobar os problemas do servizo, pero nunca aceptou ese convite", apuntou.
Entre as melloras prioritarias, a alcaldesa destacou a necesidade de instalar sistemas de información nas paradas para que as persoas usuarias coñezan se o autobús xa pasou, algo esencial para evitar atrasos en citas médicas ou aulas. Ademais, reclamou a reorganización das frecuencias, xa que "hai horarios saturados nos que se deixa xente nas paradas por falta de espazo e outros nos que os buses van case baleiros".
Por outra banda, insistiu en reforzar as conexións con centros estratéxicos como o campus universitario ou os polígonos industriais, demandando servizos en horarios máis flexibles.
Barral reiterou que estas reivindicacións buscan garantir un transporte público eficiente, ao que o Concello achega un 20% do financiamento sen ser unha competencia municipal. "Non se trata dun enfrontamento político, senón dunha prioridade para a veciñanza", concluíu.