Betanzos lidera un plan de emprego para 100 persoas desempregadas xunto a nove concellos da comarca

Betanzos porá en marcha por primeira vez un Programa Integrado de Emprego, unha iniciativa dirixida a cen persoas desempregadas que se desenvolverá ao longo de doce meses, entre 2026 e 2027. O proxecto conta con financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que destinou un importe de 230.000 euros para a súa posta en marcha.
O Concello betanceiro actúa como entidade promotora do programa, no que participan tamén outros nove municipios da comarca: Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Coirós, Culleredo e Miño. A selección das persoas beneficiarias levarase a cabo coa colaboración das oficinas públicas de emprego.
O programa está pensado para persoas desempregadas que se atopen nalgunha destas situacións: persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia, poboación migrante, maiores de 52 anos, menores de 30 anos, perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego ou da renda activa de inserción (RAI), persoas afectadas por un expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, mulleres e desempregados de longa duración. Tamén poderán acceder ao programa outras persoas desempregadas que non encaixen en ningún destes grupos.
Entre os contidos previstos figura formación transversal en igualdade entre mulleres e homes, conciliación e corresponsabilidade, intelixencia emocional e técnicas de motivación, así como formación básica orientada á preparación da ESA e a competencias clave. Tamén se impartirán ferramentas para a procura activa de emprego, tanto por conta allea como para o autoemprego, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, incluíndo un obradoiro avanzado de técnicas de entrevista con apoio de intelixencia artificial.
A isto súmanse itinerarios formativos específicos en sectores como hostalaría e turismo, servizos socioculturais e á comunidade, comercio, loxística e distribución, o ámbito agrario e medioambiental, industrias alimentarias e competencias dixitais.
O programa contempla ademais o impulso da capacidade emprendedora, a prospección empresarial, o emparellamento entre ofertas de traballo e persoas participantes, obradoiros de mobilidade laboral e a realización de prácticas profesionais mediante convenios con empresas do entorno dos concellos implicados.
A rexedora betanceira destacou que o obxectivo do programa vai máis alá da formación: busca que as persoas que participen consigan finalmente un emprego, para o cal se combinan formación, orientación, prospección empresarial e prácticas en empresas da zona. Así mesmo, puxo en valor o papel de Betanzos á fronte deste proxecto conxunto con outros nove concellos, subliñando que o emprego non entende de fronteiras municipais e que traballar de forma coordinada permite ofrecer máis recursos e oportunidades aos veciños da comarca.