Betanzos lanza a XII edición do Concurso de creación literaria

ACoruñaXa
O certame ten como obxectivo promover o uso do galego e incentivar a creatividade literaria entre a xuventude
concurso betanzos
30 Out 2024

O Concello de Betanzos abriu a convocatoria para a XII edición do Concurso de creación literaria, co obxectivo de fomentar a creatividade en lingua galega. O prazo de presentación de textos estará aberto do 4 ao 28 de novembro, e os participantes deberán presentar as súas obras en galego, podendo optar por relatos curtos ou poesías de temática libre.

As bases do concurso establecen tres categorías: unha para alumnado de ESO, outra para Bacharelato e ciclos formativos, e unha categoría aberta para maiores de idade. En cada categoría entregaranse un primeiro premio de 300 euros e un accésit de 150 euros, aplicándose as retencións fiscais correspondentes.

Os textos deben presentarse mecanografados a dobre espazo en letra Times New Roman ou Arial, de tamaño 12, cunha extensión máxima de cinco páxinas para os relatos ou cinco poemas. Cada participante só poderá enviar unha obra orixinal e inédita, asinada cun pseudónimo e acompañada dun sobre coas súas informacións persoais para garantir o anonimato.

Os textos poderán entregarse nas secretarías dos centros educativos IES Francisco Aguiar, IES As Mariñas e CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, así como no Servizo de Normalización Lingüística do Concello e na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

O xurado estará composto por representantes dos centros de ensino e unha escritora de recoñecido prestixio, e valorará a calidade estética, a orixinalidade e a corrección lingüística das obras. A decisión farase pública dentro dos quince días seguintes á finalización do prazo de presentación, e o Concello reserva o dereito de difusión das obras premiadas.

As bases completas están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia, na Base de Datos Nacional de Subvencións, na páxina web do Concello de Betanzos e no taboleiro de anuncios municipal.

0.20035099983215