Betanzos investirá máis de 102.000 euros na humanización e renaturalización da urbanización da Condesa

O Concello de Betanzos vén de sacar a contratación as obras de humanización e renaturalización da zona central da urbanización da Condesa, unha actuación que contará cun investimento de 102.521 euros e que permitirá transformar este espazo urbano mediante a creación dun novo modelo de rúas xardín.
Os traballos desenvolveranse nas rúas Coral Polifónica e Bernardo Miño e teñen como obxectivo principal converter unha contorna dominada polo pavimento nun espazo máis verde, sostible e agradable para a veciñanza, incorporando a natureza á paisaxe urbana e á vida diaria do barrio.
O proxecto contempla a creación de seis grandes parterres de trazado sinuoso, deseñados como pequenas lombas axardinadas que acompañarán os percorridos peonís existentes e configurarán unha nova estrutura verde no centro da urbanización. A proposta busca mellorar a experiencia dos peóns mediante a incorporación de diferentes especies vexetais que achegarán variedade de formas, alturas e cores ao longo de todo o ano.
A actuación incluirá tamén novas zonas de estancia integradas entre os espazos verdes. Nestes puntos instalaranse bancos ergonómicos fabricados con materiais reciclados para favorecer o descanso, a convivencia e o uso do espazo público por parte da cidadanía.
Desde o punto de vista ambiental, as plantacións adaptaranse ás características de cada zona e combinarán especies arbustivas, herbáceas e ornamentais. Entre elas figuran gramíneas ornamentais, fentos, agapantos, rosas paisaxísticas, lantanas, bidueiros de cortiza branca, faias, cipreses e rododendros, configurando un espazo con interese ornamental durante todo o ano e cun importante valor ecolóxico.
Os novos parterres cubriranse con pedra volcánica tipo picón, un material natural que contribúe á conservación da humidade do solo e reduce as necesidades de rega. Ademais, instalarase un sistema automatizado para optimizar o mantemento das zonas verdes.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou que esta intervención suporá unha importante mellora da imaxe da urbanización da Condesa, ao crear espazos máis verdes, confortables e sostibles. A rexedora subliñou tamén que o Concello continúa impulsando actuacións nos barrios que combinan a mellora estética coa funcionalidade, a accesibilidade e o respecto polo medio ambiente.