Betanzos instalará cámaras de control de tráfico no centro histórico e limitará o acceso de non residentes

ACoruñaXa
As cámaras controlarán accesos e saídas, e incluirán un período de proba para axustar o sistema
Imaxe do Casco Histórico de Betanzos
8 Jan 2025

O goberno local de Betanzos expón un plan para reordenar o tráfico no centro histórico mediante a instalación de cámaras de control de accesos. O obxectivo principal da proposta é potenciar o uso peonil das rúas do casco antigo, á vez que se regula a circulación de vehículos para permitir xestións comerciais e persoais de maneira equilibrada.

A proposta, actualmente en fase de estudo e aberta a achegas, foi presentada ás asociacións de comerciantes da cidade. “Non buscamos un corte total do tráfico, senón unha convivencia regulada”, explicou o Concello.

O plan inclúe a instalación de cámaras en puntos estratéxicos como a Porta da Vila, os arcos da Ponte Nova e Ponte Vella, e Cabildos. Estas cámaras rexistrarían a entrada e saída de vehículos, permitindo o acceso sen restricións aos residentes, mentres que os non residentes disporían dun tempo limitado, aínda por concretar, para realizar xestións como deixar ou recoller nenos na gardería ou no Conservatorio Municipal, ou visitar a farmacia. Superado ese tempo, as cámaras emitirían sancións automáticas.

Outra das medidas propoñerá restrinxir o tráfico na rúa Prateiros, onde só se permitirá o acceso a residentes para evitar o seu uso como atallo. Os vehículos non autorizados que circulen por esta zona e ignoren os sinais de prohibición serán sancionados.

Como parte do plan, o Concello implementará un período de proba para axustar o funcionamento do sistema e permitir que os condutores se adapten ás novas medidas. A maiores, instalaranse cámaras noutras zonas da cidade para o control e vixilancia do tráfico, sen sistema de sanción.

O goberno local tamén desmentiu rumores sobre unha suposta restrición total de tráfico na avenida de Castela ao seu paso pola praza García Irmáns, asegurando que esa medida nunca foi contemplada no proxecto.

0.1362829208374