Betanzos incrementa o presuposto municipal ata os 16 millóns de euros
O goberno local de Betanzos levará ao Pleno deste martes día 2 de abril os orzamentos municipais de 2024 que alcanzan os 16,1 millóns de euros, 4,3 máis que o de 2023 ou o que é o mesmo un 36,5% de incremento en relación ao pasado exercicio.
Dentro deles, destaca o capítulo de investimento para o que se destinan 4,8 millóns de euros, case dous millóns máis que en 2023 (67% máis) froito de obras de distintos plans provinciais en colaboración co Concello e das achegas dos fondos europeos que se executarán ao longo do ano. Entre os investimentos que están previstas, a alcaldesa, María Barral, destacou os 1,1 millóns de euros para completar unha nova fase da iluminación con led en todo o Concello ou os 1,6 millóns de euros previstos para o Mercado municipal.
Melloras na cidade
Xunto a iso dedicaranse máis de 65 000 euros á avenida García Naveira, outros 190 000 euros para a praza de Dona Águeda, 100 000 euros para actuacións en materia de seguridade viaria no núcleo urbano e outros 146 000 euros para viarios municipais situados na zona rural. Na relación de actuacións tamén se prevé a reforma da rúa Alcalde López Datorre cun investimento de 157 000 euros, ou a creación dos hortos urbanos, a mellora da praza Enrique Riego e a creación dunha área de lecer na Condesa cun desembolso de 220 000 euros. A cuberta do parque infantil de pintor Seijo Rubio ou a creación do parque de Viúxe cun investimento de 280 000 euros son outras das obras incluídas no orzamento deste ano xunto á instalación dunha zona de calistenia no parque Pablo Iglesias que suporá un gasto de 40 000 euros.
Ademais, o Concello colaborará coa Xunta en distintas infraestruturas e equipamentos como a estación de tratamento de auga potable para cuxa mellora achegará arredor de 200 000 euros.
No referido ao capítulo de gastos, a partida máis importante será da de persoal municipal que alcanza os 5,5 millóns de euros, o que supón un 49% do total dos gastos correntes e que presenta un aumento en relación ao anterior exercicio de 474 000 euros, especialmente pola estabilización de emprego. Outros 4,6 millóns de euros irán a gasto corrente, que tamén aumentou nun 44,5% en relación ao ano anterior. Trátase de gastos necesarios de funcionamento do Concello en canto a servizos públicos, entre os que se inclúe a limpeza viaria con arredor de 300 000 euros.
Neste apartado de gastos tamén se recollen os 1,7 millóns de euros destinados a Servizos Sociais, a área que máis recibe para atender os programas de atención e axuda social. Entre eles o servizo de axuda no fogar, o servizo de transporte adaptado ou gastos sociais extraordinarios.
Na área de Educación e Cultura a partida sitúase no millón de euros para atender os programas de promoción cultural, con actividades de dinamización que, á súa vez, apoien a outros sectores económicos do municipio. Tamén destacan as obras de mantemento do colexio Vales Villamarín, o servizo de comedor do propio centro e da escola infantil municipal. Ademais, créase un programa cultural de dinamización lingüística destinado a organizar actividades nese ámbito.
Outra das partidas importantes é a destinada á dinamización comercial, empresarial, e ao turismo, con 1,3 millóns de euros, con actuacións específicas dirixidas a autónomas e autónomos e pequenas empresas que conforman o tecido empresarial. No capítulo de gastos tamén se reservan 1,6 millóns de euros para iluminación pública.
Máis de 350 000 euros para subvencións
O orzamento que será presentado ao pleno recollerá, segundo adiantou a alcaldesa, máis de 350 000 euros para subvencións, tanto en concorrencia competitiva como en axudas nominativas correspondentes aos anos 2023 e 2024. Entre as axudas nominais inclúese a Asociación Concilia, para actividades extraescolares, a Fundación CIEC para o centro Internacional de Estampa e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos.
O total de transferencias correntes ascende a 948 000 para cubrir achegas do Consorcio de As Mariñas, o Transporte Metropolitano (arredor de 30 000 euros), o programa Xantar na Casa (40 000 euros), as cotas da Fegamp, e, entre outras, contías á Xunta a través do Consorcio Galego de Benestar por 150 000 euros. Tamén se inclúe neste capítulo de transferencias a Fundación Globo de Betanzos.
Canto aos ingresos, María Barral explicou que en impostos directos recadaranse uns 4 millóns de euros, destacando o Imposto de Bens Inmobles que se incrementa pola recadación da autoestrada AP-9 pola que o Concello recibirá máis de 300 000 euros en relación a 2023. Tamén se aumentará a recadación do ICIO polas empresas instaladas no polígono industrial. En taxas municipais a previsión é de 1,1 millóns de euros de ingresos.
María Barral indicou tamén, durante a presentación do documento, que en paralelo a sometelo a aprobación, desde a Alcaldía solicitouse a Intervención municipal que unha vez efectuada a liquidación de 2023 se elabore un informe sobre a situación económica do Concello para elaborar un plan que recolla as medidas necesarias con relación aos gastos e ingresos que permita reconducir a situación, no caso de ser necesario.