Betanzos habilita estacionamentos expreso diante das farmacias

ACoruñaXa
Non será posible, no entanto, aparcar nesta parada máis de 15 minutos, que é o tempo que o Concello considera “suficiente” para este trámite
Imaxe do estacionamento diante da farmacia da galera en Betanzos
15 May 2024

Betanzos habilita zonas de aparcadoiro con prazas de estacionamento expreso en todas as farmacias da zona urbana do municipio. Máis concretamente establecéronse zonas de aparcadoiro prioritario nas farmacias das Cascas (avenida Jesús García Naveira), A Galera e Couceiro.

A medida trata de favorecer ao acceso un servizo esencial para a veciñanza. Cos novos espazos propíciase que a clientela pare uns minutos e efectúe a compra con rapidez.

Non será posible, no entanto, aparcar nesta parada máis de 15 minutos, que é o tempo que o Concello considera “suficiente” para este trámite mais “en ningún caso estará permitido exceder ese período”, destacan desde a concellaría de Servizos.

As prazas xa están dispoñibles diante dos establecementos. Na zona urbana funcionan un total de cinco despachos. O tres mencionados disporán desta medida, cun máximo de 15 minutos de parada, as outras dúas farmacias, unha situada nos Soportais e outra na avenida Jesús García Naveira, na zona próxima ao edificio Arquivo, é inviable pola súa localización establecer unha zona para estacionar. Nestes casos, as persoas usuarias dispoñen do aparcadoiro subterráneo da praza dos Irmáns García Naveira que conta con 20 minutos gratuítos, subvencionados polo propio Concello.

Neste sentido o Concello lembra as vantaxes que teñen os betanceiros e as betanceiras á hora de realizar calquera xestión na zona ao dispor para iso de 20 minutos gratuítos no aparcadoiro subterráneo.

0.13172793388367