Betanzos estende o 8M durante todo marzo cunha axenda de cultura, cine e recoñecementos

ACoruñaXa
O Concello programa presentacións, unha ruta guiada ‘Betanzos en feminino’, encontros artesanais e dúas proxeccións no Cine Alfonsetti, ademais de premios e distintivos
BETANZOS 8 m
7 Mar 2026

O Concello de Betanzos mantén viva a conmemoración do Día Internacional da Muller ao longo de todo o mes cun programa que combina propostas culturais, actividades divulgativas e actos de recoñecemento. A axenda, incluída baixo o paraugas de ‘Marzo, mes da muller’, inclúe desde presentacións de libros e cómics ata cine para público adulto e distincións a iniciativas emprendedoras.

A programación continúa este venres 6 ás 20.00 horas na Sala Azul do edificio Arquivo coa presentación do libro ‘María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo’, a cargo da ensaísta Aurora Marco. No acto participará a alcaldesa, María Barral, e conta coa colaboración da editorial Alvarellos.

O sábado 7 haberá dobre cita. Ás 11.00 horas celebrarase a visita guiada gratuíta ‘Betanzos en feminino’, con saída desde a Oficina de Turismo. A actividade require inscrición previa e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden informarse e anotarse na propia oficina (praza de Galicia 1), nos teléfonos 981 776 666 ou 638 543 169 e no correo turismo@betanzos.gal.
Ese mesmo día, no Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia, desenvolverase a XX Xuntanza de Labores Artesanais, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, organizada xunto ás Mulleres da Condesa.

Xa o mércores 18, ás 20.00 horas, a Sala Azul do Edificio Arquivo acollerá a presentación do cómic ‘Mulleres artistas no Museo das Mariñas’, da man dos seus autores, Iria Fafián e Ángel Arcay.

O venres 20, o cine colle protagonismo no Alfonsetti cunha proxección para público adulto: ‘Alcarrás’ (Carla Simón, 2022), ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade. Esa mesma xornada, ás 20.30 horas, terá lugar na Sala Azul do Edificio Arquivo o acto de entrega do ‘Distintivo Muller Emprendedora’.

O domingo 22, ás 12.00 horas e tamén na Sala Azul do Edificio Arquivo, celebrarase a entrega do ‘Premio Úrsula Meléndez de Texeda 2026’. O programa pecharase o venres 27 cunha nova sesión de cine no Alfonsetti: ‘Barbie’ (Greta Gerwig, 2023), ás 20.00 horas, tamén con entrada de balde ata completar capacidade.

0.10608410835266