Betanzos entrega a Consuelo Carro Veiga o premio Úrsula Meléndez de Texeda

Betanzos outorgaralle o premio Úrsula Meléndez de Texeda á betanceira Consuelo Carro Veiga. Trátase do premio pola igualdade máis importante promovido polo Concello de Betanzos co que a corporación brigantina recoñece o labor, colectivo ou individual, de quen coa súa actividade, persoal ou profesional, contribuíu a fomentar esa igualdade de xénero en Betanzos.
O premio entregarase o próximo domingo día 10 de marzo ás 12.30 horas no Salón Azul do edificio Arqui.
O galardón débelle a súa denominación á fundadora do Colexio de Orfas do Cantón de San Roque, que en 1629 ordenou incorporar ao seu testamento a súa firme vontade de levantar un edificio para a mocidade sen familia, que está aínda en uso, en tanto é a sede do Centro Municipal da Terceira Idade de Betanzos.
O galardón quere destacar a traxectoria dunha betanceira que quedou viúva moi nova e que sacou adiante ao seus oito fillos e que a día de hoxe segue traballando na súa horta e mantendo moitas dos labores que desenvolveu durante a súa vida e que grazas a elas sacaron á súa familia adiante en tempos duros. É un exemplo de vida, de loita e sacrificio que non só Consuelo senón moitas outras mulleres tiveron que realizar para sacar, soas, ás súas familias adiante.
Con este premio o Concello pretende que se lle renda unha máis que merecida homenaxe a unha muller que, neste sentido “loitou e loita por reivindicar o seu papel como muller, os seus dereitos, con base ao esforzo, traballo e sacrificio”.