Betanzos enche o casco histórico de música tradicional coa segunda edición de Cantos de Taberna

ACoruñaXa
Nove agrupacións actuarán este sábado en locais hostaleiros da cidade antes da gran foliada final na praza García Naveira
BETANZOS foliada libre
19 Jun 2026

Betanzos celebrará este sábado 20 de xuño a segunda edición de Cantos de Taberna, unha proposta que volverá converter o casco histórico nun escenario aberto para a música tradicional galega.

A cita desenvolverase entre as 19.30 e as 22.30 horas, con actuacións itinerantes por diferentes bares e tabernas da cidade. En total participarán nove agrupacións: A Fuliada, Parabéns, Amarabela, Grupo Azougue, Dolaodosol, Foliada de Remior, Vireda da Cela, Viute o Demo, Brañas de Andrés e Nubeiro.

Os grupos pasarán por locais como Capitol Lolo, Lusco e Fusco, Soportal 25, Taberna Breogán, Ternera Grill, O Candil, A Tasca, Adega do Pino O Globo, O Bacel, Travesía Vinos, Kutako, Bar Galicia, Cafetería Plaza, Casa Carmen, Café de Segundo, Yocri, Pulpeira Pirri, Nueva Internacional, Triveca, Café Banca, A de Pedro, Zojo e Comer y Picar Vega.

A programación incluirá tamén unha mostra de artesanía centrada nos instrumentos tradicionais galegos, coa presenza de nove artesáns. O público poderá coñecer de preto o traballo de profesionais especializados na elaboración e conservación de pezas vinculadas á música popular.

A xornada pecharase ás 22.30 horas cunha gran foliada libre na praza García Naveira, aberta á participación da veciñanza e visitantes. A iniciativa busca difundir a música tradicional, dinamizar a hostalaría local e crear un ambiente festivo arredor da cultura galega.

0.12143492698669