Betanzos e Adif avanzan nas alternativas de acceso ao porto
O Concello de Betanzos e Adif acercan posturas para axilizar o deseño do proxecto de acceso ao porto desde a N-VI. Con ese obxectivo, a alcaldesa, María Barral, mantivo conversacións con responsables de Adif en Madrid co fin de definir novas alternativas que permitan suprimir o paso a nivel de acceso ao porto para facilitar unha nova variante desde a N-VI como pretenden veciños e Concello.
O executivo de Betanzos dispón dunha nova proposta técnica con tres variantes por parte de Adif que agora deberá ser negociada con Estradas do Estado con cuxos responsables a primeira edil tamén se reunirá proximamente. O obxectivo pasa por axilizar unha proposta que a estas alturas tería que estar xa definida pero que pola súa complexidade técnica e a súa viabilidade económica foise modificando ata centrar agora o estudo en tres propostas das que, da man de Estradas, Adif e Concello concretarán nunha que “tentaremos que reúna os intereses e necesidades de todas as partes”, indicou a alcaldesa.
A alcaldesa trasladou a necesidade de decidir a proposta definitiva e buscar o consenso entre todas as administracións implicadas “para evitar máis atrasos no deseño” e que “podamos contar cun acceso en condicións á zona portuaria e que garanta a seguridade” .
A proposta inicial de Adif presentouse hai uns anos e contou coa negativa do Concello e veciños ante o impacto visual que supoñía a construción dun vial que conectaba o Paseo Ramón Beade e a rúa Arxentina a través dun paso superior sobre a vía do ferrocarril, cunha pasarela peonil que se situaba na contorna do actual paso a nivel e a repavimentación da rúa Arxentina ata o paseo Ramón Beade.
A partir diso estudáronse outras alternativas, entre elas unha apoiada polo propio Concello que propoñía a construción dunha conexión a uns 300 metros aproximadamente do cruzamento das avenidas da Coruña e Fraga Iribarne en dirección Betanzos-Sada e desde aí un viaduto duns 163 metros de lonxitude para conectar cos terreos portuarios e que foi descartada polo seu alto custo, máis de seis millóns de euros.