Betanzos e a Reserva da Biosfera retiran un barco abandonado na ría e estudan convertelo nun ‘barco fantasma’ para rapazada

O Concello de Betanzos e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas executaron unha das medidas incluídas no Plan de Sustentabilidade Turística: a retirada dun barco abandonado na ría e o seu traslado ás instalacións municipais de Bellavista. O obxectivo desta primeira intervención piloto é analizar os residuos por xestores autorizados e valorar a viabilidade de recuperar a embarcación para darlle un uso lúdico-educativo.
A alcaldesa, María Barral, indicou que, se o informe técnico é favorable, o Concello promoverá xunto con outras administracións a restauración do casco para transformalo nun ‘barco fantasma’, un elemento de xogo infantil con paneis informativos que axude a sensibilizar, de xeito ameno, sobre o impacto de abandonar vellas embarcacións na ría.
O proxecto busca sumar complicidades doutras institucións por consideralo ‘de suma importancia para concienciar’ arredor da riqueza natural do entorno e os prexuízos que provocan restos con potenciais contaminantes (motores, aceites, etc.), especialmente na ría e no río Mandeo. A idea é que, se a recuperación é viable, o barco se instale nunha zona próxima ao Mandeo para cumprir esa nova función lúdica e divulgativa.
A localización do casco foi posible grazas ao estudo impulsado pola Reserva da Biosfera, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, que identificou 46 refugallos na ría, maioritariamente de embarcacións en ruína. Seleccionouse a peza en mellor estado relativo para este primeiro ensaio. O barco retirado mide 6,5 metros de eslora e 2 de manga e atopábase baixo o viaduto da AP-9. Para a súa extracción empregouse un equipo de mergullo, globos de elevación, unha lancha de remolque e un camión con grúa, extremando as precaucións para non remover lodos nin afectar o ecosistema mariño.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, subliñou que a intervención pon en valor o litoral brigantino e ‘xoga un papel clave no ecoturismo e no desenvolvemento económico do territorio’. Segundo dixo, trátase dun proxecto piloto que ‘sirva de exemplo’ para dar ‘unha segunda vida a un refugallo’, mellorar o estado ambiental de zonas degradadas e abrir camiño a futuras actuacións nun espazo chamado a ser un recurso estrela do ecoturismo náutico.