Betanzos distinguirá a Dolores Vázquez cunha medalla de igualdade tras a homenaxe recibida no municipio

ACoruñaXa
María Barral celebra o galardón que o Ministerio de Igualdade entregará o 27 de abril en Madrid e lembra o Premio Úrsula Meléndez de Texeda que a betanceira recibiu o pasado ano
BETANZOS homenaxe dolores vazquez
18 Apr 2026

Dolores Vázquez recibirá o vindeiro 27 de abril en Madrid a Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade, nun acto organizado polo Ministerio de Igualdade dentro da programación do Día da Visibilidade Lésbica. A entrega está prevista para as 13.10 horas no salón de actos do ministerio.

O anuncio foi recibido con satisfacción en Betanzos. A alcaldesa, María Barral, cualificou o recoñecemento de 'máis que merecido' e presentouno como un paso relevante para unha muller que, ao seu xuízo, simboliza a loita pola xustiza, a dignidade e a igualdade. A rexedora confirmou ademais a súa asistencia ao acto.

Desde o Concello ligan esta nova distinción á homenaxe que a cidade lle tributou en marzo de 2025, cando Dolores Vázquez recibiu o Premio Úrsula Meléndez de Texeda, a principal distinción municipal en materia de igualdade. Aquel recoñecemento foi aprobado por unanimidade na Comisión Municipal de Nomenclátor e reuniu preto de 300 persoas na aula de Cultura do edificio Liceo.

Na valoración feita este venres, Barral sostén que o galardón do Ministerio supón un novo paso no camiño da reparación pública á veciña betanceira. A alcaldesa insistiu en que o país aínda ten unha débeda pendente con Dolores Vázquez e reclamou que ese proceso de restitución institucional vaia máis alá.

0.11647391319275