Betanzos comeza o 'XVI Ciclo de teatro en familia' con programación infantil os sábados de decembro

ACoruñaXa
Espectáculos para desfrutar en familia na aula municipal de cultura Xulio Cuns
teatro en familia betanzos
14 Dec 2024

O Concello de Betanzos inicia este sábado a décimo sexta edición do “Ciclo de teatro en familia”, unha cita cultural pensada para o público infantil e as súas familias que se celebrará na aula municipal de cultura Xulio Cuns todos os sábados do mes de decembro, ás 18.00 horas. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala, lembrando que cada nena ou neno deberá acudir acompañado dunha persoa adulta.

A primeira representación terá lugar o día 14 de decembro co espectáculo “La vida misma” da compañía Lore Lavand, dirixido a nenos e nenas maiores de 6 anos. Esta obra explora as etapas da vida, desde a infancia ata a vellez, mesturando humor e reflexións sobre as emocións e os momentos significativos. Unha invitación para o público a valorar non só os anos vividos, senón tamén a intensidade de cada instante.

O sábado 21 será a quenda de “Voa, voa!”, unha montaxe da compañía Talía Teatro, tamén recomendada para maiores de 6 anos. Este espectáculo aposta por rescatar xogos de palabras, ditos populares, retrousos e rimas tradicionais, animando ás familias a redescubrir estas expresións culturais e compartilas coas novas xeracións. A historia centra a súa atención en Xoana, unha nena que, coas ensinanzas da súa avoa, consegue animar ao seu amigo Anxo a descubrir o pracer dos xogos tradicionais no parque.

Para pechar o ciclo, o sábado 28 representarase “Nanai da China” da compañía Pérez&Fernández, orientada a nenos e nenas maiores de 5 anos. Trátase dunha orixinal historia que combina actores e monicreques para contar a vida de Nanai, unha nena rexeitada polo seu pobo debido a unha superstición. Con axuda do seu avó e do búfalo de auga Chispum, Nanai protagoniza unha aventura chea de maxia e humor, loitando contra os prexuízos e demostrando o valor da aceptación.

Unha oportunidade única para desfrutar en familia e achegar aos máis pequenos a maxia do teatro durante estas tardes de decembro.

⚙ Configurar cookies
0.14135384559631