Betanzos comeza o mércores a 25 edición da Feira Franca Medieval de Betanzos

ACoruñaXa
Este ano o evento amplía a súa programación a máis días con máis postos e actividades
Imaxe da presentación da Feira Medieval de Betanzos
7 Xul 2024

Betanzos celebrará os vindeiros días 11, 12, 13 e 14 deste mes a 25 edición da Feira Medieval. A alcaldesa, María Barral, presentou esta mañá o programa desta edición “especial” onde Betanzos revive a súa historia e conmemora a concesión dunha feira franca anual polo rei Henrique IV de Castela. “Esa feira cumpre este ano o seu 25 aniversario, razón de máis para convertela como fixemos este ano no símbolo de promoción turística de Betanzos. 25 edicións, desde 1998, que converteron a Feira Medieval nun referente xa non so en Galicia senón en España, o onde esperamos a visita de milleiros de persoas”, indicou.

A primeira edil indicou que “sen dúbida, non hai mellor lugar para revivir a historia, como podedes ver, que as rúas empedradas que nos rodean neste casco histórico, decorado de forma especial para a ocasión” despois de colocar máis de sete quilómetros de teas, máis de 130 postos de venda de produtos, “e unha sucesión de representación de escenas teatrais da historia de Betanzos que xunto aos propios betanceiros e betanceiras que estes días nos vestiremos de época e darémoslle á feira ese compoñente que a fai única e que esperta admiración noutros moitos lugares do noso país.”

Barral comezou a presentación agradecendo neste 25 aniversario ás persoas que co seu traballo fixeron posible chegar a esta edición. “Aos betanceiros e betanceiras, en primeiro lugar, para agradecerlles o esforzo e implicación durante estes 25 anos, sen a súa participación isto non sería posible. Agradecerlle tamén ás persoas voluntarias e a todo o persoal que fai cada ano que isto sexa unha realidade. Un traballo de máis de 200 persoas en cada edición. E tamén ao persoal municipal que dende os primeiros anos está detrás desta celebración e aos patrocinadores: Estrella Galicia, Coca Cola e Gadis que levan con nós 25 anos e espero e desexo que sigan, como mínimo, outros tantos”.

Destacou a imaxe desta edición, unha “imaxe especial, conmemorativa, deseñada polo betanceiro Luis Galán que inclúe escenas e personaxes que protagonizaron os carteis das 24 edicións anteriores” feitos tamén polo propio Luis Galán.

Canto á programación, indicou que este ano serán catro días, xa que comezará o xoves día 11 coa apertura de postos a partir das seis da tarde “para dar paso a outro símbolo de Betanzos, algo que só temos nós, como son as danzas gremiais, de mariñeiros, xastres, labregos e zapateiros que volverán reunirse ese día 11”.

Toda a información sobre a programación do evento por días pode consultarse na seguinte ligazón.

Previamente, o mércores 10 quentaremos motores ás 20.30 hors coa interpretación por primeira vez da obra poética “O tratado dos meses” de Bonvensin de la Riva, representada polo grupo de teatro Noite Bohemia na igrexa de Santa María do Azougue.

O venres 12 celebrarase o pregón da feira. Neste caso o protagonismo será tamén unha persoa moi vencellada a Betanzos, o seu cronista oficial, José Raimundo Núñez Lendoiro.

A feira volverá a incluír no seu programa as escenas máis tradicionais que son símbolo desta, e que, evidentemente, se manterán: a entrada do señor de Andrade, a carreira de bocois, a batalla das figueiras, a revolta irmandiña, a expulsión dos leprosos, ademais do torneo medieval, o Aquelarre, lumes e malabares.

Haberá máis de 130 postos repartidos polo casco, que se amplía este ano á rúa Travesa. Haberá tamén na porta da Vila, na rúa do Castro, na praza da Constitución, na rúa Roldán, na Peixaría, na praza Fernández Pérez de Andrade e en Santa María. Ao ampliar a rúa Travesa cos postos, a tradicional carreira de bocois terá lugar a praza García Naveira.

Dos 130 postos, 25 corresponden a asociacións de Betanzos que o Concello lles cede un espazo despois de recibir-este ano foi récord absoluto-365 peticións, polo que novamente houbo que facer unha selección, valorando a traxectoria de cada profesional así como o cumprimento, en caso de participar en edicións anteriores, do regulamento que exixe o Concello para poder participar na feira.

Ao longo dos catro días participarán máis de 200 persoas, entre as propias persoas voluntarias, protagonistas en moitas das escenas que se representarán estes días, e os servizos de municipais, Protección Civil, Policía Local, bombeiros, Cruz Vermella etc.

Información en canto á seguridade

Manteranse os dispositivos de tráfico habituais. Comezará o xoves, desde as 11:00 h da mañá da co corte de tráfico da N-VI ao seu paso pola praza dos Irmáns García Naveira e os accesos ao casco histórico ata o domingo unha vez rematada a feira.

A veciñanza residente no casco histórico poderá acceder ás súas vivendas, coincidindo co corte de tráfico, a través do arco da Pontenova. Nos dispositivos de vixilancia colaborará a Garda Civil, que tamén aumentará a súa presenza.

Haberá durante a feira un punto violeta para implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, e facilitar información de como actuar ante un caso de este tipo. Será un espazo de atención, información e axuda ás vítimas, ao mesmo tempo que sensibiliza ante a sociedade a loita contra as agresións sexistas nas festas.

0.18101501464844