Betanzos certifica o seu compromiso coa igualdade de xénero

O Concello de Betanzos obtivo o Distintivo SG CITY 50-50, un recoñecemento que certifica o seu compromiso coa igualdade de xénero. Este distintivo concédese no marco da Norma SG CITY 50-50, dentro do proxecto DIXECP (Distintivo para a Igualdade de Xénero en Pobos e Cidades), cofinanciado pola Unión Europea.
Este selo, explican desde o Concello, acredita que Betanzos está a impulsar a incorporación da perspectiva de xénero en todas as súas políticas e actuacións, consolidándose como un actor clave na promoción da igualdade. A Norma SG CITY 50-50 é unha ferramenta que permite implantar, avaliar e certificar un sistema de xestión orientado á igualdade de xénero nos gobernos locais, ofrecendo unha metodoloxía práctica para avanzar nesta materia.
A partir de agora, o Concello deberá implementar nos próximos anos as accións recollidas no Plan de Compromiso, co obxectivo de transversalizar a perspectiva de xénero tanto na súa organización interna como nas súas políticas públicas.
Entre os principais obxectivos do distintivo están mellorar as competencias municipais en igualdade, facilitar a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais e corrixir prácticas discriminatorias ou relacións de poder inxustas.
Con esta certificación, Betanzos súmase á rede de municipios comprometidos coa igualdade de xénero recoñecidos co Distintivo SG CITY 50-50.