Betanzos celebra o xoves 10 Día Mundial da Saúde Mental cun faladoiro sobre saúde mental e xénero

ACoruñaXa
O evento, de acceso libre e gratuito, contará con expertas galegas que abordarán a relación entre saúde mental e xénero, nun espazo para a reflexión e o intercambio de experiencias
Betanzos charla Saúde Mental
7 Out 2024

O Concello de Betanzos, en colaboración coa Deputación da Coruña, conmemorará o Día Mundial da Saúde Mental cunha actividade especial o vindeiro xoves 10 de outubro. Baixo o título “As discordantes. Faladoiro sobre saúde mental e xénero”, o evento contará coa participación de tres referentes no ámbito da saúde mental e do feminismo en Galicia: a escritora Antía Yáñez, a xornalista Claudia Morán e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro.

O faladoiro terá lugar no Salón Azul do Edificio Liceo, ás 17.30 horas, e estará aberto ao público de maneira gratuita ata completar o aforo. Esta actividade non só brindará a oportunidade de escoitar a voces expertas, senón que tamén será un espazo para compartir experiencias persoais e reflexionar sobre o impacto que a saúde mental ten en distintas esferas da vida, incluíndo as cuestións de xénero.

Con esta iniciativa, o Concello de Betanzos reafirma o seu compromiso na loita pola visibilización e concienciación sobre a importancia do coidado da saúde mental na sociedade actual, especialmente desde unha perspectiva de xénero.

0.19609403610229