Betanzos camiña cara a creación da primeira comunidade enerxética
O Concello de Betanzos dá outro paso máis na súa intención de crear a curto prazo a primeira comunidade enerxética local para axudar á cidadanía, ás empresas e aos comercios a reducir a súa factura, mediante o uso de enerxías renovables e, ao mesmo tempo, para impulsar un modelo máis sustentable con enerxías renovables e mellorar así a eficiencia enerxética de edificios e instalacións.
A institución local acaba de sacar unha nova web corporativa con información para aquelas persoas que estean interesadas en formar parte deste proxecto, que terá a súa primeira reunión colectiva o vindeiro día 25 ás 19.00 horas no edificio Arquivo.
O obxectivo é impulsar a Comunidade Enerxética local como instrumento idóneo para responder os retos do cambio climático e á vez desenvolver un modelo de empresa de economía social tendo en conta que este tipo de comunidades enerxéticas son entidades xurídicas, formadas por unha agrupación de socios (como persoas físicas, asociacións, pemes, administracións públicas…), que voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, ambientais e económicos, para os membros da comunidade.
Para o goberno local a creación da comunidade enerxética suporá un compromiso coa sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén coa oportunidade de mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e instalacións municipais dentro da comunidade enerxética.
Nos estudos técnicos preliminares, a xeración de enerxía realizarase a través de sistema fotovoltaico aproveitando para iso os edificios municipais situados na zona do Carregal. Desta forma, o obxectivo sería reducir o custo do consumo eléctrico municipal.
Con todo, ao tratarse dunha comunidade enerxética, abriríase un proceso para que formasen parte dela particulares e empresas que estivesen interesadas nesta fase, con ese mesmo obxectivo, “brindar beneficios económicos, sociais e ambientais”. Por lei, desde O Carregal abarcaríase un radio de 2000 metros para cubrir a todos aqueles particulares e empresas que se quixesen adherir á comunidade.
Outro dos obxectivos que o goberno local persegue con esta comunidade é que familias con menos recursos poidan ter beneficios a través do Concello como principal axente e impulsor do sistema. Tamén o centro histórico entraría dentro da zona de influencia do sistema de paneis fotovoltaicos co que “moitas persoas particulares terían unha alternativa ante as dificultades de colocar agora mesmo paneis nas súas vivendas pola protección das edificacións”. En todo caso, o proxecto recollerá, esa é a intención, outras fases e outras comunidades para darlle cobertura a máis zonas da cidade que non entrarían no radio de dous quilómetros marcados por Lei”.