Betanzos aprobará esta semana a ordenanza que regulará o tráfico no casco histórico

ACoruñaXa
A norma potenciará o uso peonil e incluirá un período de información pública e tres meses de proba antes da súa aplicación definitiva
BETANZOS casco historico
3 Feb 2026

O Concello de Betanzos aprobará esta semana a nova ordenanza municipal que regulará o tráfico no casco histórico da cidade, co obxectivo de priorizar o uso peonil e mellorar a convivencia no espazo público. O texto foi presentado na Comisión de Mobilidade e, tras a súa aprobación inicial, someterase a información pública durante un mes para a presentación de alegacións.

A ordenanza establece unha reordenación da circulación no casco histórico baseada en dar preferencia ás persoas peoas, restrinxir o tráfico rodado, evitar os aparcadoiros indebidos e controlar as velocidades en zonas nas que se detectaron circulacións por riba dos límites permitidos. A regulación dos accesos realizarase mediante un sistema de 12 cámaras, seguindo modelos xa implantados noutras cidades con centros históricos.

Poderán acceder á zona sen límite de tempo os residentes, usuarios de garaxes, persoas con mobilidade reducida, servizos de emerxencia, vehículos municipais, taxis e VTC, así como empresas que desenvolvan traballos nas áreas peonís. No caso da carga e descarga de mercadorías, establécese un horario de 07.00 a 11.00 horas. Para o resto de usuarios, fixouse un tempo máximo de acceso de 30 minutos, que será controlado a través das cámaras, rexistrando a hora de entrada e saída.

O plan contempla tamén unha área restrinxida exclusivamente a residentes na rúa Plateiros, que dará acceso ás rúas Venela Clérigos, Cristo, Pinche, Pastelería, Pastel, Sombrereiros, Cerca e Santa María, evitando así o uso desta vía como atallo para atravesar o casco histórico. Entre as zonas sometidas a control figuran a praza García Naveira e a praza de Galicia, onde se sitúa a parada de taxis fronte ao Liceo.

A ordenanza recolle que os vehículos deberán circular á velocidade dos peóns e, en todo caso, non superar os 20 km/h, tendo sempre prioridade as persoas peoas agás no caso dos servizos de emerxencia. O estacionamento estará prohibido en todas as vías, salvo nos espazos expresamente habilitados.

A alcaldesa, María Barral, subliñou que esta medida 'sitúa ás persoas no centro da ordenación do espazo público, poñendo en valor a rúa como espazo de convivencia e mellorando a seguridade e a calidade de vida'. Ademais, sinalou que a iniciativa será positiva a medio prazo tanto para a veciñanza como para o comercio e a hostalaría, lembrando que o Concello ofrece 20 minutos de gratuidade no aparcadoiro subterráneo próximo ao casco histórico.

Unha vez aprobada, a ordenanza contará cun período de proba de tres meses, durante o cal as infraccións serán comunicadas de xeito informativo antes da súa entrada en vigor definitiva.

⚙ Configurar cookies
0.079781055450439