Betanzos amplía as prazas do programa 'Xantar na Casa' eliminando a lista de agarda
O Concello eliminará a listaxe de agarda do programa 'Xantar na Casa' coa incorporación das 12 persoas que estaban pendentes deste servizo. A alcaldesa, María Barral, explicou que a medida foi adoptada dentro “da política de ámbito social do Concello para facilitarlle á veciñanza o acceso aos Servizos Sociais necesarios para o seu día a día”. Así, indicou que dende o Concello realizáronse as modificacións oportunas para ampliar as partidas económicas necesarias para poder atender ás persoas que estaban pendentes ademais de solicitar a súa inclusión á Xunta para que tamén ampliase a súa dotación económica. Con todo, o servizo pasará de 40 a 55 persoas, e incluirá así ás 12 que estaban en listaxe de agarda para ser incorporadas.
A través deste servizo o Concello pretende proporcionarlles ás persoas beneficiarias unha alimentación de calidade e nutritiva, atendendo os casos de xeito individualizado e profesionalizado; evitando a deterioración da calidade de vida das persoas maiores ou dependentes por teren unha dieta inadecuada e previr tamén situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida.
Outro dos obxectivos do programa é facilitarlles un respiro ás familias e aos coidadores e impulsar medidas de apoio á conciliación da vida familiar e laboral das mulleres e facer un seguimento e acompañamento individualizado de cada usuario/a do servizo por parte dos profesionais que acoden aos domicilios.
O programa está dirixido a persoas empadroadas e que sexan residentes no Concello, maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que puidese suplir tal situación; persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e requiren de axuda para a preparación de alimentos e menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos Servizos Sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver a súa situación de exclusión.
O custo máximo do servizo de xantar é de 7,50 euros por persoa e día do que o 53% é achegado polo Concello e a persoa beneficiada e o resto polo Consorcio de Benestar.