Betanzos adxudicará antes de abril a redacción do Plan Especial de Protección do Centro histórico

ACoruñaXa
O obxectivo pasa por garantir o futuro do centro histórico de Betazos como un espazo activo, dinámico e que ofreza servizos. A empresa que resulte do proceso de contratación que está agora en marcha espérase que inicie os traballos de redacción do Plan nunhas semanas
Imaxe do Casco Histórico de Betanzos
6 Mar 2024

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, asistiu en Santiago de Compostela este mércores á reunión da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello para o financiamento da revisión do Plan Especial de Protección e Ordenación do Centro histórico unha vez que o Concello rescindiu o contrato coa anterior adxudicataria do plan e está nestes momentos en fase de contratación a redacción do novo documento.

O reaxuste da achega da Xunta permitirá financiar os traballos de redacción do Plan durante as próximas anualidades, ata 2027, incluído. A empresa que resulte do proceso de contratación que está agora en marcha espérase que inicie os traballos de redacción do Plan nunhas semanas, posiblemente ao longo do mes de abril.

Dende o Concello rescindiron o contrato coa anterior empresa polo atraso na entrega dos traballos, o incumpliento dos pregos, entre outras cousas polo persoal asignado ao contrato; e que o documento entregado non cumpría as esixencias mínimas legais da normativa autonómica polo que os técnicos municipais consideraban que “o documento presentado era equiparable á inexistencia do mesmo”.

Con este novo plan especial buscan “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles, xunto a outra serie de accións que estamos a impulsar, por iso é polo que non se poida quedar atrás e que se necesario dispoñer deste documento en paralelo a esas actuacións e ao Plan Xeral de Urbanismo que está tamén moi avanzado”.

O obxectivo pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos un xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar”, sinalou o concelleiro de Urbanismo, Diego Fernández.

0.12949109077454