Betanzos acolle esta fin de semana o Campionato galego de patinaxe de velocidade en circuíto
Esta fin de semana Betanzos acolle, nas súas instalacións situadas no velódromo que rodea o campo de fútbol García Irmáns, o campionato galego de patinaxe de velocidade en circuíto 2024.
Este evento, que terá lugar o vindeiro sábado 13 e domingo 14 de abril, acollerá a máis dun cento de patinadores e patinadoras, dende a categoría mini (5 anos) ata a categoría máster (onde atopamos a patinadores e patinadoras de máis de 60 anos).
Dentro dos deportistas participantes, atópanse persoas da elite do patinaxe a nivel mundial, contando cun xuvenil que a pasada fin de semana vén de proclamarse campión dunha xornada da copa de Europa en Portugal, así como tamén a dous campións do mundo da categoría sénior (categoría elite).
Deste xeito, Betanzos será a sede desta nova edición do campionato galego, e acollerá a un total de 136 deportistas e os seus clubs, familias, persoal da Federación galega de patinaxe, etc… polo que será un evento moi vistoso e atractivo.
Dende o Concello de Betanzos agardan que as xornadas teñan o éxito que merecen, e que todos os e as participantes sintan a Betanzos como a súa casa, onde practicar o deporte que tanto lles gusta.