Betanzos acolle a VI edición do Torneo de Semana Santa de Fútbol Sala Prebenxamín

O pavillón municipal de Betanzos será escenario o vindeiro 19 de abril da sexta edición do Torneo de Semana Santa de Fútbol Sala, un evento xa consolidado no calendario deportivo da comarca, que reúne a algunhas das mellores escolas de Galicia na categoría prebenxamín.
O torneo está organizado polo Concello de Betanzos, a través da Concellería de Deportes, e o club Troula Fútbol Sala, entidade referente na promoción deste deporte na comarca. O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, e o presidente do Troula FS, Luis Carro, xunto con algúns dos pequenos protagonistas que participarán na competición.
A cita deportiva promete ser unha auténtica festa do fútbol sala base, onde o principal obxectivo será fomentar a convivencia, o espírito deportivo e o goce do xogo entre os máis pequenos. As familias e afeccionadas están convidadas a achegarse ao pavillón para desfrutar dunha xornada chea de ilusión, esforzo e paixón polo deporte.
Desde o Concello de Betanzos anímase á veciñanza e visitantes a participar deste día especial e a apoiar ás novas xeracións de deportistas. O torneo supón tamén unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo das escolas deportivas e poñer en valor o compromiso coa formación en valores a través do deporte.